Piden a Portos reverter o Mirador da limosa e unha parcela para a veciñanza de Burela
Os socialistas de Burela avanzaron que defenderán dúas mocións na vindeira sesión plenaria co fin de reclamar a Portos de Galicia, por unha banda, reverter a titularidade do enclave coñecido como Mirador da Limosa a dominio municipal. E noutra proposta reclamarán tamén a este organismo dependente da Xunta, a parcela número 7 da travesía do Porto, co fin de destinala a un espacio de ocio para a xuventude.
A secretaria provincial e deputada autonómica, Patricia Otero, acompañada do alcalde de Burela, Alfredo Llano e das concelleiras socialistas, Noelia Ben, Carmela López e Antonia Eijo presentaron esta iniciativa diante da parcela número 7 do Porto de Burela. Dende alí a voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista reivindicou os acordos acadados na Cámara Autonómica nos que se recollía expresamente:“abrir un procedemento normativo que permita a negociación bilateral voluntaria dos concellos con Portos de Galicia para que as dúas administracións, acorden ofrecer a posibilidade de reverter a titularidade de terreos portuarios cara os concellos, ..., cando teña posibilidade de utilización municipal”, lembrou.
Otero remarcou que “estas peticións do Concello de Burela son claramente dúas iniciativas que teñen como únicos beneficiarios á veciñanza de Burela, e sobre todo son espazos que serán adicados a mellorar o ocio da xuventude, así como unha senda para ampliar unha ruta de sendeirismo. Polo tanto tal e como se acordou no Parlamento de Galicia deben e poden reverter na veciñanza para mellorar as súas dotacións públicas”, dixo.
O Mirador da Limosa
Os socialistas de Burela sinalan na iniciativa rexistrada sobre o Mirador da Limosa, “que a vontade desta proposta é a de fomentar a conexión da rede de espazos con Bandeira Azul mediante sendeiros que contribúan a poñer en valor espazos naturais e de interese cultural e patrimonial próximo as praias ou portos deportivos con Bandeira Azul”.
Hai que lembrar que Burela conta cun sendeiro azul, a Ruta do litoral burelés, e o trazado da senda achegase ata o Mirador da Limosa, pero debe regresar sobre os seus pasos por non contar con continuidade no trazado. Este entorno é un es pazo singular xa que nel atopáronse restos do Hipocausto Romano do Campón con vestixios dunha terma romana. A zona xeolóxica de Castrelo - Perdouro é un dos espazos máis interesantes e esta catalogado como LIC (lugar de interese comunitario). “Por iso reclamamos a Portos de Galicia poder utilizar este espazo co fin permitir o acceso dende ao Porto, propoñendo a instalación de escaleiras de madeira adaptadas a orografía do espazo”.
Cesión da parcela número 7 do Porto de Burela
Sobre a iniciativa da cesión da parcela numero 7 do Porto de Burela explican que “o concello de Burela dispón de varios parques e espacios ao aire libre, pero ningún deles está expresamente destinado ao ocio da xuventude, quedando sempre relegados a unha pequena zona pouco funcional e que non satisfai as súas necesidades. Polo tanto, demandamos a Portos de Galicia reverter a parcela número 7 da travesía do Porto a dominio municipal, xa que o seu uso é residual dende hai moitos anos e para o noso concello e a súa veciñanza suporía unha mellora na calidade de vida diaria”, relatan.