Os socialistas de Viveiro inclúen no seu programa electoral o desenvolvemento dun centro de cultura e ocio

AMariñaXa
O PSOE de Viveiro seguirá “moi preto do comercio e a hostalería, impulsando medidas e axudas de dinamización como fixemos na pandemia”
Maria Loureiro alcaldesa viveiro 6
Maria Loureiro alcaldesa viveiro 6
18 may 2023

Os socialistas de Viveiro inclúen no seu programa electoral “o desenvolvemento no Edificio Comarcal do proxecto para poñer en marcha un centro de cultura e ocio e un museo permanente”.

“Seguiremos apoiando ademais a consecución da exposición permanente nos Claustros de San Francisco para conseguir o ansiado museo da nosa Semana Santa”, explica a candidata á reelección, María Loureiro, “e continuaremos coa nosa ampla programación cultural e coa nosa política de eventos con apoio ao Resurrection Fest, Semana Santa, Rapa das Bestas, O Naseiro, Festa da Merluza, ou a Mostra Folklórica Internacional”.

Ademais, “traballaremos para que o noso Mercado Renacentista sexa declarado festa de interese turístico e seguiremos apostando para que o Entroido de Viveiro siga crecendo ano a ano e sexa un referente na bisbarra”.

Os socialistas garanten manter e reforzar o seu apoio a outras iniciativas, “como o belén ‘Viveiro ante o Berce’, e as Feiras de Artesanía e do Libro”.

“A nosa Biblioteca Municipal seguirá sendo prioritaria, desenvolvendo actividades mensuais para fomentar nos máis pequenos a lectura e a cultura”, remata Loureiro.