Os socialistas de Trabada elixen a Mayra García como candidata á Alcaldía nas municipais de maio

AMariñaXa
Os socialistas de Trabada elixen por unanimidade a Mayra García Bermúdez como candidata á Alcaldía nas municipais de maio
Mayra garcia bermudez alcadesa de trabada
Mayra garcia bermudez alcadesa de trabada
26 feb 2023

A Agrupación Socialista de Trabada escolleu por unanimidade en asamblea a Mayra García Bermúdez como candidata á alcaldía do concello nas eleccións municipais do 28 de maio.

A alcaldesa opta á reelección “para dar continuidade ao proxecto que comezamos no ano 2015, un proxecto ambicioso, de moito traballo e xestión para lograr importantes investimentos que se traducen en mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas de Trabada”.

“Nun mandato complicado pola pandemia e o contexto económico, fumos capaces de xestionar fondos de todas as Administracións, pois en Concellos pequenos e con poucos medios económicos, é preciso esta colaboración. Algunhas máis sensibles ás necesidades do noso pobo como a Deputación de Lugo ou o Goberno do Estado e outras non tanto, pero co traballo do equipo de goberno conseguimos financiación de todas, ás veces véndonos na obriga de estar ás doce da noite tramitando subvencións convocadas pola Xunta de Galicia para poder lograr os nosos obxectivos, que non son outros que seguir mellorando o noso pobo. Ademáis tamén fumos o primeiro Concello galego que aprobou o Plan Básico Municipal, que nos permitiu ordenar o noso territorio”, sostén García Bermúdez.

“Polo tanto, conseguimos investimentos moi importantes grazas as xestións que realicei persoalmente para conseguir subvencións, con obras en todas as parroquias, no centro urbano e na zona rural, levando e mellorando equipamentos, en definitiva facendo un pobo máis igualitario entre as diferentes parroquias, cuestión que cando gobernaba o Partido Popular non sucedía”, engade García Bermúdez. Exemplo diso son novos servizos como a área de autocaravanas na Ría de Abres, o albergue de peregrins en Sante ou o Centro Etnográfico Xosé Rocha en Trabada”, explica a alcaldesa.

“Impulsamos numerosas medidas sociais e de conciliación, o punto de atención á infancia e a residencia de maiores son un bo exemplo.

Temos proxectos iniciados que nos gustaría rematar, como son o centro social na Ría de Abres ou o auditorio en Trabada. Proxectos que xa obran nas dependencias municipais e para os que estamos á espera de obter financiación por parte da Xunta de Galicia, da mesma forma que financiaron proxectos similares noutros concellos galegos.

“Por iso, porque temos proxectos, porque temos ilusión e queremos seguir traballando para todas as parroquias, sin exclusións é polo que decido optar á reelección”, sinala a alcaldesa  de Trabada.

A asamblea puxo en valor “o bo traballo realizado durante todo o mandato actual e o pasado polo goberno local”.

“A candidatura será prácticamente continuísta porque temos claro que o que funciona, non debemos cambialo. Somos un grupo de persoas traballadoras, comprometidas e cercanas que entende a política como un medio de transformación da sociedade. A política determina o benestar ou a desgracia dun pobo e mira ao futuro máis que ao pasado, incluso que o presente, por eso queremos seguir traballando por e para Trabada”, remata Mayra García Bermúdez.