Os senadores do PP piden a rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá
Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- instan ao Goberno de España a liderar e financiar con cargo a fondos estatais a obra de rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. Os representantes do PP lucense na Cámara Alta explicaron a iniciativa durante unha visita ao templo acompañados por representantes da Asociación Patrimonio Laurentino e concelleiros do Grupo Municipal Popular.
Concretamente, dirixiranse ao Executivo central para que elabore e execute un proxecto de intervención, en solitario ou en concorrencia con outras administracións, co fin de “preservar, protexer e poñer en valor esta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa”. Os senadores do PP explican que “desafortunadamente hoxe algunhas das súas estancias presentan gran deterioro o que non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro, a pesar do seu importante valor como xoia do patrimonio histórico, cultural e relixioso”, aseguran.
O populares subliñan que “administracións como a Xunta de Galicia souberon ver este valor e demostraron a súa implicación co patrimonio Laurentino promovendo obras de restauración e conservación no templo”. De feito, recentemente, culmina un investimento de máis de 360.000 € para rehabilitar a lanterna octogonal da igrexa despois de acometer no 2022 actuacións para eliminar os danos estruturais, reparar humidades interiores e renovar a instalación eléctrica cun investimento doutros 316.100 euros.
Con todo, “precisa unha actuación máis ambiciosa que require da colaboración entre administracións e tería cabida entre as financiadas con cargo a fondos estatais”, segundo explican. A alcaldesa socialista do municipio anunciou a execución dunha obra de rehabilitación que superaría os 2 millóns de euros con cargo ao Plan Nacional para o Turismo do Xacobeo 2021, “que nunca chegou a executarse”, segundo inciden. Establecéndose a colaboración entre a Diocese e a Dirección Xeral de Patrimonio, fíxose a solicitude de 3 millóns de euros dun proxecto de case 4,3 con cargo ao Programa do 2% cultural do Executivo estatal.
Unha xoia patrimonial
O mosteiro de San Salvador é, sen dúbida, un dos monumentos máis importantes e representativos deste municipio da Mariña lucense e tamén un referente do barroco galego. A súa fachada, finalizada no século XVIII polo arquitecto Fernando de Casas Novoa, considérase precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago. Foi fundado no século X polo conde Osorio Gutiérrez -tamén coñecido como Conde Santo, que se atopa enterrado nun sarcófago que se atopa na capela de Valdeflores da igrexa do mosteiro-.
No século XII pasou de ser unha congregación familiar a depender da Orde Beneditina. A principios do século XVI, queda baixo a influencia de San Benito de Valladolid. No século XIX inicia a súa decadencia ata que entre 1910 e 1942 recobra a vida monástica da man dos monxes dependentes de Samos.
Na actualidade acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra. Foi declarado conxunto histórico-artístico en 1974 e ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia, na categoría de Monumento. Ademais, é unha das paradas fixas dos peregrinos que percorren o Camiño Norte.