Os ritmos e os bailes de Uganda chegarán a Meira e Burela en decembro

TerraChaXa | AMariñaXa
O grupo ugandés de gospel e os novos talentos da danza africana ofrecerán dous espectáculos que combinarán percusión, voces e coreografías tradicionais
aba-taano-uganda-sticks-meira-e-burela-2026
8 Nov 2026

A música, a danza e os ritmos africanos serán protagonistas en Meira e Burela os días 5 e 6 de decembro coa chegada de Aba Taano e Ugandan Sticks, dous proxectos artísticos de Uganda que achegarán ao público a forza da percusión e o talento dos seus intérpretes.

A primeira actuación terá lugar o sábado 5 de decembro, ás 20.00 horas, na igrexa de Santa María de Meira. Ao día seguinte, o domingo 6, tamén ás 20.00 horas, o espectáculo trasladarase á Casa da Cultura de Burela.

Aba Taano é un grupo ugandés de gospel africano cunha ampla traxectoria internacional, coñecido pola forza das súas interpretacións vocais e pola combinación de ritmos tradicionais e música gospel. Pola súa banda, Ugandan Sticks achegará a enerxía dos seus bailes e a percusión, cunha proposta protagonizada polo talento dos intérpretes máis novos de Uganda.

Os espectáculos están pensados para ofrecer unha experiencia musical e visual na que os tambores africanos, as voces e as coreografías se combinan para achegar ao público a riqueza cultural do país.

En Burela, as entradas terán un prezo de 15 euros, con tarifa reducida de 10 euros para menores de 12 anos. Poderán adquirirse no punto de venda situado na rúa Arcadio Pardiñas, número 86, e a través da plataforma Giglon. En Meira, estarán dispoñibles na oficina de turismo e en Internet.

As actuacións tamén se vinculan á iniciativa solidaria Música para Salvar Vidas, que permite colaborar co proxecto mediante achegas periódicas a través da plataforma Teaming.

0.1538200378418