Os Reis Magos visitarán as residencias de maiores de Viveiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro celebrará mañá xoves, día 5 de xaneiro, a súa tradicional Cabalgata de Reis que como cada ano chega chea de novidades, de maxia e de sorpresas.
4 ene 2023

O Concello de Viveiro celebrará mañá xoves, día 5 de xaneiro, a súa tradicional Cabalgata de Reis que como cada ano chega chea de novidades, de maxia e de sorpresas.

A primeira visita de Melchor, Gaspar e Baltasar será nas dúas residencias de maiores de Viveiro, onde compartirán uns momentos especiais con seus usuarios e usuarias antes de iniciar o desfile a partir das 17:30 horas.

“Dende o Concello de Viveiro animamos a toda a veciñanza e aos visitantes a que se acheguen ao noso municipio para desfrutar da Cabalgata e do ambiente de Nadal”, subliña a alcaldesa, María Loureiro. “Recibimos aos Reis Magos nunha tarde chea de maxia que de seguro ilusionará aos nenos e nenas de Viveiro”, engade a rexedora.

A comitiva estará formada por seis carrozas, unha delas cos usuarios de Aspanane. Ademais, corenta nenos e nenas da vila acompañarán ás súas Maxestades de Oriente.

Como é habitual, a comitiva real completará unha ruta que parte do Porto de Celeiro, Covas e Viveiro polo paseo marítimo chegando aos Castelos, onde fará unha parada, ao igual que na explanada do mercado onde se unirá a Banda da Misericordia que amenizará o paso do desfile polas rúas da vila.

Á mesma hora, e igual que en anos anteriores, o Divertren acompañará á cabalgata no seu recorrido. Sairá dende a Piscina Municipal, é de acceso libre ata completar aforo e os cativos deben ir acompañados dun adulto.

Ao finalizar o percorrido, os Reis Magos falarán a todos os presentes dende o balcón da Biblioteca Municipal e recibirán despois aos nenos e nenas da vila na Sala multiusos do Concello de Viveiro e recollerán as súas cartas de desexos.

“Dende as 18:00 horas haberá tamén música na Praza Maior cun DJ e, a partir das 20:00 horas, para amenizar a espera da chegada dos Reis e a recepción, estarán xunto aos nenos e nenas os personaxes de Disney Minnie e Mickey, que xogarán e faranse fotos cos máis cativos da casa nun photocoll”, engade Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura e Muller.

Durante o transcurso da cabalgata haberá cortes de tráfico momentáneos e desvíos por vías alternativas.

Para garantir a seguridade dos centos de persoas que asistirán, o Concello de Viveiro ten preparado un dispositivo especial integrado por membros da Policía Local e Protección Civil, que se encargarán de velar polo correcto desenvolvemento do evento.