Os Reis Magos visitarán a comarca da Mariña
Os nenos e veciños da comarca da Mariña poderán desfrutar este domingo 5 de xaneiro das cabalgatas dos Reis Magos polas diferentes rúas e parroquias dos seus concellos.
Así, xa se coñecen os detalles da ampla maioría das Cabalgatas e, as Súas Maxestades atenderán aos máis pequenos da casa para escoitarán as súas peticións e recoller as cartas que sexan necesarias.
A Pontenova
Os Reis de Oriente visitarán o concello pontenovés a partir das 17.30 horas con saída desde os Fornos e chegada ao salón de actos da casa da cultura ás 19.00 horas.
Alfoz
O Concello de Alfoz prepara unha celebración especial para recibir aos Reis Magos o vindeiro 5 de xaneiro de 2025. A cabalgata dará comezo ás 16.00 horas na Casa da Cultura e percorrerá diferentes puntos do municipio, como igrexas e escolas, antes de rematar no emblemático Castelo do Castrodouro ás 18.00 horas.
Durante o percorrido, as súas maxestades visitarán diversas localizacións de Alfoz, onde terán a oportunidade de achegarse aos veciños e recoller as cartas dos nenos e nenas. Ao rematar a ruta, no Castelo do Castrodouro, celebrarase un encontro especial no que os asistentes poderán desfrutar dunha merenda con chocolate quente e biscoitos, nun ambiente cheo de ilusión e maxia.
Barreiros
Este domingo día 5 de xaneiro, o Concello de Barreiros recibirá a visita dos Reis Magos, que realizarán un completo percorrido por distintas localidades para achegar a súa maxia e ilusión á veciñanza. A súa chegada está prevista en diferentes puntos como Vilamar, Cabarcos, Gondán, Rilleira, San Xusto, Vilamarín Grande, Vilamarín Pequeno e Reinante, facendo parada en espazos destacados como locais sociais, escolas e teleclubes.
Pola tarde, os Reis Magos iniciarán o seu percorrido dende San Cosme, atravesando lugares emblemáticos como a Praza do Concello, as vivendas sociais, Xuncal, a estrada da praia, o pavillón, Remior, San Bartolo, Angueira, Viladaíde, Áspera, Vilar, Eiras, Merille, a baixada do cuartel e o teleclube, rematando nas vivendas sociais.
O broche final da xornada terá lugar no Centro Social, onde se realizará a recepción oficial e o esperado reparto de agasallos para todas as persoas asistentes.
Burela
A Cabalgata sairá da rúa do Ril ás 19.00 horas ata a praza da Mariña, e tralo paso das súas Maxestades de Oriente, haberá rosconada e chocolatada a cargo da asociación de comerciantes.
Cervo
Os Reis Magos visitarán varios sitios do concello. Comezará con San Cibrao ás 18.00 horas con saída do Pavillón da Veiga e coa recepción no auditorio da Casa da Cultura. Despois na Praza dos Campos poderase gozar de chocolate con biscoito caseiro grazas á Asociación Cultural Festas de Lieiro.
A Cabalgata de Cervo será ás 19.30 horas con saída da Casa do Concello e ata carpa da Praza do Souto. Como actividades haberá unha recepción Real, un Belén Vivente, e a actuación de Milicrocas e do grupo infantil de Airiños do Xunco.
Foz
A Cabalgata sairá ás 18.30 horas desde a praia da Rapadoira ata o Belén vivinte situado no Concello. A recepción dos Reis será na Sala Bahía e contarán con chocolate con churros e roscón de reis.
Este día tamén se fará o sorteo dos sete premios de ACIA no concurso das sete Bólas do Nadal de Foz.
Lourenza
Neste concello a Cabalgata será ás 17.00 horas sairá do recinto feiral para percorrer as parroquias. Ás 19.00 horas os Reis recibirán aos nenos nos baixos do Concello.
Mondoñedo
Os Reis Magos, achéganse a Mondoñedo este domingo 5 de xaneiro, e farán diversas paradas. A Cabalgata efectuará a súa saída ás 18.00 horas na Alameda dos Remedios e finalizará ás 19.00 horas no Auditorio. Unha vez aló, as Maxestades recibirán con agasallos a todas as nenoas e nenos. Posteriormente, a AC Pasatempo ofrece unha chocolatada na entrada do auditorio.
As Maxestades de Oriente andarán pola mañá percorrendo as distintas parroquias de Mondoñedo. Os horarios de paso son aproximados: ás 9.30 horas en Pelourín/Cesuras, os máis madrugadores; ás 10.00 por Estelo/Troncesa; 10.30 por Figueiras; 10.45 por Ponte de Villoalle; ás 11.15 por Couboeira; ás 11.30 en Oirán; ás 12.00 por Masma; ás 12.15 en Vilamor; ás 12.30 en O Carme; ás 13.00 por Lindín; ás 13.30 por Santa María Maior; ás 14.00 en Argomoso; ás 14.30 por San Vicente e ás 14.45 por Sasdónigas.
Tamén pola tarde visitarán a Residencia San Rafael e o Hospital de San Pablo.
O Valadouro
O Valadouro recibe este domingo 5 de xaneiro ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente nunha xornada chea de ilusión e tradición. A cita comezará ás sete da tarde coa recepción oficial na Casa do Concello, onde as súas Maxestades serán acollidas polas autoridades locais e a veciñanza.
A cabalgata partirá desde o Concello e percorrerá distintos puntos emblemáticos, como a Praza e A Ponte, ata chegar ao Belén instalado na Casa da Cultura. Alí, os nenos e nenas da Asociación Cultural Amado Lar ofrecerán unha actuación que engadirá un toque especial a esta noite máxica.
Unha vez rematada a cabalgata, os máis pequenos terán a oportunidade de fotografarse cos Reis Magos e de depositar as súas cartas no caixa de correos real, asegurándose de que os seus desexos cheguen directamente a Oriente.
Para poñer o broche de ouro á celebración, ofrecerase unha degustación de chocolate quente acompañado de roscóns, creando un ambiente acolledor e familiar.
Riotorto
O Concello organizará un ano máis a Cabalgata de Reis, que terá lugar o domingo 5. Esta arrincará da casa da cultura ás 20.00 horas percorrendo as principais rúas da vila e con chegada ao salón de actos ás 20.30 horas.
Neste lugar está prevista a actuación do coro e o grupo de gaitas de Riotorto. Os Reis Magos terán un agasallo para todos os nenos.
Unha vez rematada a cabalgata servirase un chocolate con roscón de reis no centro sociocultural totalmente gratuíto. Os interesados en colaborar coa Cabalgata poden facelo no teléfono 982 346 222.
Ribadeo
Desde o Concello de Ribadeo informan que "a previsión meteorolóxica fai que se suspenda o percorrido da Cabalgata dos Reis Magos".
As súas maxestades sairán do Concello camiñando ás 18.00 horas deste domingo, 5 de xaneiro, acompañados dos paxes e dirixiranse á carpa situada no parque de San Francisco para a recepción con todos os nenos e nenas de Ribadeo". E engaden: "Alí vos agardamos".
Trabada
Melchor, Gaspar e Baltasar tamén pasarán por Trabada para ver as cariñas de emoción de pequenos e saber qué pedirán para o gran día.
Será o sábado 4 con saída da explanada do centro de saúde ata o pavillón municipal, acompañados de música tradicional. Farán unha parada para visitar os maiores da residencia e dende alí seguirán o seu percorrido ata o pavillón, onde entregarán a cada pequeno o seu agasallo. Por último gozarán dunha chocolatada con roscón.
Vegadeo
Esta comitiva sairá ás 17.00 horas da piscina e rematará no pavillón do Recinto Feiral coa recepción aos Reis Magos de Oriente. Haberá chocolate e rosca para todos os nenos e nenas.
Viveiro
A gran cita do día, a Cabalgata de Reis Magos, arrancará ás 17.30 horas dende a Piscina Municipal, en Celeiro. O percorrido da Cabalgata incluirá o Paseo Marítimo en Celeiro, Covas, a Variante, a Avenida de Ferrol e a Travesía da Mariña.
A Cabalgata chegará á zona vella de Viveiro pola Porta de Carlos V, e os nenos e nenas participantes na cabalgata baixarán á Fonte de Area. A chegada dos Reis Magos á Praza Maior está prevista para as 20.00 horas, e dende ás 18.00 horas haberá animación musical na mesma praza. Un ano máis existirá a posibilidade de que os nenos e nenas viaxen tamén no Vivertren, que acompañará a cabalgata. Non será necesaria inscrición previa, pero os nenos e nenas deberán ir acompañados dunha persoa adulta.
Despois da súa chegada, as súas maxestades dirixiranse ao público dende o balcón da Biblioteca Municipal, onde ademais seguirán repartindo caramelos. Posteriormente, serán recibidos de xeito oficial na Sala Multiusos, onde se reunirán persoalmente cos nenos e nenas.
Xove
En Xove, a Cabalgata comezará ás 19.00 horas polas rúas da vila, despois de visitar a Residencia San Bartolomeu. Ás 20.00 horas haberá animación infantil con Disco Móbil no pavillón.