Os populares piden máis atención ás estradas provinciais no Vicedo ante o incremento do turismo

AMariñaXa
Os deputados provinciais do PP destacan o mal estado da estrada LU-P-6404, unha das principais vías do municipio, que conecta coas praias máis visitadas da Mariña
PP-LU-P-6404-(3)-VIcedo
17 Feb 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto co alcalde do Vicedo, Jesús Novo, sinalaron a necesidade urxente de mellorar o estado das estradas provinciais deste municipio mariñán, un dos máis turísticos da provincia, especialmente no que se refire á estrada LU-P-6404 que conecta o Vicedo con San Roque e San Miguel de Negradas.

A estrada LU-P-6404, que presenta un elevado volume de tráfico, especialmente durante os meses de verán debido á afluencia de turistas que visitan as praias do Vicedo, require unha renovación do firme, segundo os deputados populares. A súa situación actual, con desbroces irregulares e cunetas sen limpar, fai que a auga corra pola estrada, o que provoca un desgaste maior do asfalto e reduce a seguridade viaria, como explicou Antonio Ameijide.

O voceiro do PP insistiu na necesidade de levar a cabo unha renovación integral da estrada, así como mellorar o mantemento periódico, co obxectivo de garantir a seguridade de condutores e peóns que a transitan, especialmente durante os meses de verán cando a densidade de circulación se incrementa considerablemente.

No mesmo senso, Ameijide aproveitou para agradecer o investimento previsto na estrada LU-P-6405 no Vicedo, pero subliñou que se deben revisar outras estradas provinciais que tamén presentan graves deficiencias. A súa petición foi secundada polos veciños do municipio, que mesmo recolleron sinaturas para instar á Deputación de Lugo a acometer a mellora da vía. A moción foi aprobada polo Concello do Vicedo en pleno, o 20 de novembro de 2020, pero ata o momento non se tomaron medidas efectivas.

Por todo iso, os populares urxen ao Goberno da Deputación de Lugo, formado polo PSOE e BNG, a actuar con maior “preocupación” pola situación das estradas no Vicedo, unha zona de gran riqueza natural e turística que merece unhas infraestruturas en condicións.

0.17846083641052