Os obradoiros de emprego de Ribadeo e Barreiros impartiranse no CFEA Pedro Murias

A formación correspondente aos obradoiros de emprego que desenvolven de maneira conxunta os Concellos de Ribadeo e Barreiros trasladarase ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias. Así o anunciou esta mañá o alcalde ribadense, Dani Vega, quen puxo en valor a cooperación entre administracións para ampliar a oferta educativa e facilitar a incorporación ao mercado laboral de persoas desempregadas.
Segundo explicou o rexedor, esta iniciativa responde a un obxectivo claro: apostar pola formación vinculada aos oficios e ofrecer novas oportunidades tanto á mocidade como a persoas en situación de desemprego. Nese sentido, subliñou que o proxecto é froito do traballo conxunto entre o Concello de Ribadeo, o Concello de Barreiros e a Xunta de Galicia, coa implicación directa da Consellería do Medio Rural, que financia integramente as actuacións.
Dani Vega destacou que o CFEA Pedro Murias reúne as condicións axeitadas para acoller este tipo de formación, ao tratarse dun centro con ampla experiencia educativa e cunha oferta consolidada. Ademais, lembrou que a proposta foi ben recibida pola dirección do centro, á que agradeceu a súa disposición para colaborar nun proxecto que permitirá optimizar recursos e mellorar as condicións nas que se imparten os obradoiros.
O alcalde incidiu tamén na importancia de recuperar espazos que levaban tempo sen uso e darlles unha nova funcionalidade ligada á formación. “Falamos de locais que estaban infrautilizados e que agora se poñen ao servizo dun proxecto formativo compartido entre dous concellos que teñen claro que a capacitación profesional é unha ferramenta clave para acceder ao emprego”, sinalou.
Ata o de agora, os obradoiros desenvolvíanse en instalacións deportivas que non estaban concibidas especificamente para a formación, o que dificultaba a organización de horarios e espazos. O traslado a Pedro Murias supón, segundo Vega, un salto cualitativo, ao permitir impartir as clases nun entorno plenamente adaptado ás necesidades do alumnado.
Finalmente, o rexedor ribadense lembrou que Pedro Murias conta con formación regrada en ámbitos como o forestal, a agroecoloxía, a agricultura e a gandería ecolóxica, ademais dunha ampla oferta de formación non regrada. A incorporación dos obradoiros de emprego reforza ese papel educativo e consolida o centro como un referente formativo orientado á busca activa de emprego. O alcalde pechou a súa intervención agradecendo a implicación da dirección do centro, do Concello de Barreiros e da Consellería do Medio Rural polo seu apoio ao proxecto.