Os novos vídeos de turismo da Deputación amosan o Lugo máis inédito
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou o novo spot audiovisual Lugo Inédito e outros 6 vídeos máis para promocionar o turismo da provincia. Todo este novo material audiovisual inclúese na campaña de promoción turística do conxunto da provincia Lugo Cambia que impulsa o Executivo Provincial desde hai 2 anos.
Vidal Baamonde subliñou que “de cara a próxima tempada de verán, co vídeo Lugo Inédito en 7 idiomas, e os demais 6 vídeos dos nosos xeodestinos intensificamos a campaña Lugo Cambia para captar a atención de máis viaxeiros nacionais e estranxeiros e atraer máis turistas. Na provincia de Lugo, enuméranse máis dunha trintena de lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo. No vídeo Lugo Inédito amosamos unha selección deles como, por exemplo, a muralla de Lugo ou a Praia das Catedrais, entre outros”.
O vídeo Lugo Inédito e o resto de material audiovisual da campaña Lugo Cambia proxectarase na Feira de Turismo Expovacaciones en Bilbao na cal a Deputación estará, do 10 ao 12 de maio, cun stand propio. Co fin de que este audiovisual acade unha maior proxección internacional, editouse en 7 linguas: inglés, italiano, portugués, alemán, francés, galego, e castelán. Estes vídeos publicaranse na canle de Youtube da área de Turismo da Deputación de Lugo. A guía completa dos espazos de Lugo Inédito pódese consultar na web de Turismo da Deputación e serve de proposta e fío condutor para coñecer toda a provincia a través de elementos do seu patrimonio que a fan diferente.
O novo spot promocional Lugo Inédito contribúe á divulgación de 13 lugares de interese turístico que teñen o privilexio de poder etiquetarse como únicos no mundo: a muralla de Lugo, única no mundo que conserva íntegro o seu perímetro; a Praia das Catedrais, unha das mellores praias do mundo; a Serra do Courel, referente mundial de xeoloxía e recentemente declarado Xeoparque Mundial; A Ribeira Sacra, a maior concentración de románico rural de Europa; Lugo, a provincia española con máis quilómetros de Camiño de Santiago; San Pedro de Fiz de Hospital en O Incio, única igrexa de mármore do mundo; San Martiño de Mondoñedo, a catedral máis antiga de España; as pallozas dos Ancares, testemuñas dunha forma de vida única; o castro de Fazouro, único castro marítimo escavado no Cantábrico; Santa Eulalia de Bóveda; un dos grandes enigmas da arqueoloxía; o Souto da Retorta, un bosque con árbores xigantes; Ribeira Sacra, un viño de heroes; A fortaleza de Pambre, única fortaleza galega imbatible nas Revolucións Irmandiñas.
Con imaxes impactantes que amosan a gran beleza da provincia, o documental e os outros 5 microvídeos potencian os atractivos turísticos dos 4 xeodestinos da Ribeira Sacra, A Mariña, a Montaña e a Terra Chá e da provincia en xeral. Estes novos spots, que se atopan nas redes sociais oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal, no apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer os lugares de interese turístico máis singulares e únicas da provincia co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes e coñezan lugares inéditos.
En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.A presentación deste novo material audiovisual é un paso máis no traballo do Goberno da Deputación para promover o conxunto do territorio lugués e facer do turismo un motor económico da provincia capaz de xerar emprego e riqueza. Neste senso, a campaña Lugo Cambia enmárcase no primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo que elaborou o Executivo.