Os nacionalistas de Cervo reclamaron infraestruturas tras décadas de promesas incumpridas

AMariñaXa
O BNG anima a asistir este venres en Viveiro ao acto público “Viveiro e A Mariña merecen máis” para esixir melloras nas comunicacións comarcais
BNG-CERVO-protesta-infraestruturas-2026
7 Jan 2026

O BNG de Cervo volveu situar no centro do debate público a situación das comunicacións do concello coa colocación dunha faixa reivindicativa na entrada de San Cibrao. O concelleiro nacionalista David Villares explicou que a mobilización nace da preocupación da veciñanza e do tecido empresarial, que leva anos demandando conexións seguras e modernas. Villares asegurou que en Cervo coñecen “de primeira man o que supón vivir entre promesas que nunca chegan a asfaltarse” e lembrou que durante décadas viron como o progreso pasaba de largo, mentres empresas e cidadáns continúan a utilizar vías “de hai máis de 25 anos”. O representante do BNG mostrou o seu malestar porque, segundo dixo, levan máis de vinte e cinco anos agardando pola execución da A-74, pola VAC Costa Norte e por un servizo ferroviario con frecuencias suficientes para resultar útil. Tamén criticou que o peirao exterior de Morás “xa non forma parte da axenda política”, ao entender que se trata dun elemento clave para o desenvolvemento industrial da vila.

Desde o BNG cervense afirman que San Cibrao constitúe o verdadeiro pulmón económico da Mariña, mais consideran que non se pode falar de competitividade nin de oportunidades de futuro se as conexións por autovía continúan sen materializarse. Os nacionalistas lembran que o concello quedou nun “punto morto” desde que se decidiu levar a Autovía do Cantábrico por Vilalba e engaden que o deterioro dos servizos públicos, incluída a sanidade, vese agravado polas dificultades para chegar con rapidez aos centros de referencia. Por iso cualifican de “inaceptable” que a Xunta e o Goberno do Estado sigan sen cumprir os prazos comprometidos e insisten en que os investimentos deben executarse e non quedar en simples anuncios.

O colectivo anima tamén a asistir ao acto público sobre infraestruturas “Viveiro e A Mariña merecen máis”, que terá lugar o próximo venres ás 19:00 na sala multiusos do Concello de Viveiro. Na cita participarán Seve Salgueiro, Iria Cotelo, o parlamentario galego Daniel Castro e o deputado no Congreso Néstor Rego, quen abordarán a situación comarcal e as liñas de actuación do BNG para lograr un corredor de comunicación acorde ás necesidades reais. A formación resume a súa mensaxe cun chamamento directo: “Autovía e Corredor xa, porque o noso futuro non pode seguir agardando na cuneta”.

⚙ Configurar cookies
0.078149795532227