Os Muíños converterase esta fin de semana no gran escaparate da artesanía en Mondoñedo

O barrio dos Muíños, un dos recunchos con máis encanto de Mondoñedo, volverá encherse de artesanía, cultura e tradición os próximos 25 e 26 de xullo coa celebración dunha nova edición da súa Feira de Artesanía, unha cita que coincidirá coas festas patronais de Santiago e que ofrecerá durante dúas xornadas un amplo programa de actividades para todos os públicos.
Organizada pola Asociación Profesional de Artesáns dos Muíños, a iniciativa conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, da Xunta de Galicia, da Taberna O Valeco e do Palacio Santa Emilia. O evento desenvolverase nas inmediacións da igrexa de Santiago e da histórica ponte do Pasatempo, un espazo que volverá transformarse nun punto de encontro para artesáns, veciñanza e visitantes.
Ao longo da fin de semana instalaranse arredor de 25 postos de artesanía, nos que estarán representados diferentes oficios tradicionais e creacións contemporáneas. O público poderá asistir a demostracións en directo de oleiría ao torno, Kintsugi, torneado en madeira, marroquinería, cartón pedra, fiado en roca, reciclaxe téxtil, serigrafía artesanal, cerámica, elaboración de velas, ganchillo, amigurumis e construción de instrumentos de percusión.
A inauguración oficial terá lugar o sábado ás 12:00 horas, cun acto institucional que incluirá o pregón do escritor e divulgador cultural Pablo Ortiz de Zárate, autor do libro El Artesano. O horario foi escollido para compatibilizar o evento coa tradicional celebración do Día de Santiago na catedral de Mondoñedo.
Tras o pregón, Ortiz de Zárate participará nunha sesión de sinatura de exemplares no Xardín do Oleiro, onde os asistentes poderán adquirir a súa obra. A programación da mañá completarase coa presentación e sinatura do libro A faba e nós, de Alberto Serantes, na caseta da Biblioteca Maravilhas.
Entre as propostas máis singulares desta edición figura un obradoiro de Kintsugi impartido pola artesá Maica Juncal, de Artesanía do Pasatempo, no que o propio pregoeiro participará como alumno para descubrir esta técnica tradicional xaponesa baseada na reparación artística de pezas de cerámica.
A programación incluirá tamén representacións de Micromina Teatro, actuacións musicais integradas nas festas do barrio e unha exhibición de percusión a cargo de Mapatho no Xardín do Oleiro. O domingo continuará a actividade coa apertura da feira, novas demostracións artesanais e diferentes pases teatrais durante a mañá.
Como complemento á programación, o Palacio Santa Emilia acollerá na noite do sábado un recital de piano protagonizado por Pedro López Salas, que interpretará obras de compositores como Soler, Chopin, Haydn, Liszt e Granados. Durante a velada, Pablo Ortiz de Zárate tamén compartirá unhas reflexións sobre o seu libro nun encontro que unirá literatura e música clásica nun dos espazos máis emblemáticos da cidade.
Con esta nova edición, a Feira de Artesanía dos Muíños reafirma a súa aposta pola promoción dos oficios tradicionais, a creación artesanal e a dinamización cultural dun dos barrios con maior identidade histórica de Mondoñedo.