Os grupos de montaña da Mariña anuncian rutas para este mes de xaneiro

AMariñaXa
Son varias as opcións nunha proposta para desfrutar do deporte e a riqueza natural
pes-ruta-senderismo-deporte
13 Jan 2025

Xa se coñece a Programación Anual de Roteiros 2025 dos grupos de montaña da Mariña Lucense e do Occidente astur. Unha proposta para desfrutar do deporte e a riqueza natural do territorio.

Entre as rutas destacadas, figuran as organizadas por grupos da comarca como Pena Tallada (Ribadeo), Costa Ribadeo, Paso Miudo (O Valadouro), Pasada Cabras (Burela), Terras de Lourenzá, Pandela (Vegadeo) e Peña Lar (Viveiro).

O grupo Pena Tallada (Ribadeo) propón o “Roteiro da Insua de Seivane” para o sábado 18 de xaneiro, cun percorrido de 18 quilómetros, ideal para coñecer a beleza das Terras de Lugo. Tamén, o grupo GM Estoupo (Luarca) organiza a ruta “Costa de Ribadeo”, o sábado 11 de xaneiro. Por outra banda, Paso Miudo (O Valadouro), o domingo 19, organiza o “Roteiro polo Xistral”, unha ruta que inclúe un traxecto entre Vilacampa e a fervenza da Torez.

En Burela, o grupo Pasada Cabras convida á ruta fluvial do río Parga, que se levará a cabo o 26 de xaneiro. O grupo Amigos Boal, o sábado 11, realiza a ruta “Camiño Nat Cantábrico (Burela-San Cibrao)”. Pola súa parte, o colectivo Terras de Lourenzá inclúe no seu programa o “Camiño Natural do Cantábrico”, para o día sábado 25, que abarca a etapa entre Abrela e O Vicedo, unha combinación de natureza costeira e cultural.

Desde o Occidente astur, o grupo Pandela (Vegadeo) ofrece un percorrido entre Cabo Morás e o miradoiro da Atalaya, o domingo 26 de xaneiro. Finalmente, Peña Lar (Viveiro) organiza a ruta “Cabo Prioriño- Faro Cabo Primor”, 23 quilómetros, en Ferrolterra, o domingo 19. O grupo Peña Furada organiza a ruta “Vía verdo do ferrocarril (A Pontenova Santis Abres)”, de 12 quilómetros, o domingo 19 de xaneiro.

Estas actividades están pensadas para todos os públicos, promovendo a práctica do sendeirismo e a difusión do patrimonio natural da Mariña e do Occidente astur. Con máis de dez grupos activos na zona, as rutas son unha oportunidade para explorar, aprender e conectar coa natureza dun xeito saudable e enriquecedor.

 

0.16471600532532