Os GDRs intensifican a coordinación para impulsar a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón

AMariñaXa
As entidades Ceder Oscos-Eo, Montes e Vales Orientais e Terras de Miranda planifican as accións conxuntas para 2026
GDR-terras-miranda-e-Oscos-2026
25 Feb 2026

Os Grupos de Desenvolvemento Rural implicados na xestión e dinamización da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón celebraron unha xuntanza de traballo para avanzar na programación das actividades previstas para o ano 2026. No encontro participaron representantes do Ceder Oscos-Eo, da Asociación Montes e Vales Orientais - GDR3 e do GDR Terras de Miranda.

A reunión enmárcase no proxecto de cooperación interautonómica que estas entidades desenvolven de maneira coordinada co obxectivo de reforzar a gobernanza participativa deste espazo recoñecido pola UNESCO como Reserva da Biosfera. A iniciativa busca implicar de forma activa á cidadanía, ás asociacións locais e aos distintos axentes sociais na toma de decisións e no deseño de propostas que favorezan un desenvolvemento sostible.

Durante a sesión analizáronse as liñas de actuación prioritarias para a nova anualidade, centradas na dinamización do territorio, na posta en valor dos recursos naturais e culturais e na consolidación de mecanismos de participación que permitan fortalecer a cooperación entre Galicia e Asturias.

A coordinación entre entidades permitirá optimizar recursos e ofrecer unha planificación máis eficaz para 2026, co propósito de seguir consolidando a Reserva da Biosfera como un referente en sustentabilidade e colaboración institucional.

0.1156599521637