Os ferreiros de Riotorto celebran vinte anos de traballo coa estrea dunhas Xornadas Culturais

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A asociación conta cunha colección de documentos, obxectos, ferramentas, material gráfico e videográfico que abrangue a práctica totalidade das forxas que houbo ata mediados do século XX
xornadas-ferreiros-de-riotorto
28 Nov 2026

O deputado Daniel García participou na inauguración das I Xornadas Culturais do Ferro, organizadas pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto co gallo do seu vinte aniversario.

O encontro, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que se celebra até o domingo na Casa da Cultura de Riotorto, propón facer balance do traballo de valorización e divulgación do oficio e da tradición do ferro que a Asociación fixo nas últimas décadas e abrir o camiño para a creación dun Museo do Ferro de Galicia en Riotorto.

Na súa intervención, Daniel García reafirmou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á actividade da Asociación. “Nun mundo global, que tende á homexeneización, con plataformas en liña que venden o mesmo en todo o planeta, ter algo singular, que contar sobre nós e sobre o noso, como tedes aquí, é un valor extraordinario. Non só desde o punto de vista cultural, tamén desde o punto de vista produtivo”, dixo o responsable provincial, que animou á Asociación de Ferreiros a “ dar continuidade a séculos de tradición do ferro en Riotorto”

Na xornada inaugural, o encontro xirou arredor da exposición fotográfica Homes de ferro no oriente lucense, na que se inclúen tamén ferreiros das comarcas asturianas veciñas e que, xunto aos ferreiros de Riotorto, forman o núcleo de profesionais do ferro máis importante da Unión Europea na actualidade.

As actividades seguen sábado e domingo

Na tarde do sábado estrearase un documental (ás 18:00 h), obra do xornalista e investigador do mundo do ferro no noroeste hispano Xosé M. Salgado, titulado Riotorto: Cultura do ferro nas Terras de Miranda. De seguido, o arqueólogo Fran Alonso Toucido exporá no seu relatorio “Prospección arqueolóxica do mundo do ferro na parroquia de Ferreiravella. Resultados iniciais” o estado dos traballos arqueolóxicos que leva a cabo a empresa Tempos Arqueólogos S. L., nun proxecto apoiado pola Fundación L. Monteagudo.

O traballo afonda no estudo dun xacemento arqueolóxico singular - un gran escoural e posibles restos de fornos de redución, localizados en tempo recente polos membros da asociación e polo traballo de Salgado- que suxire unha gran antiguidade na explotación do ferro nas terras de Riotorto. No proxecto contarase tamén co concurso de especialistas do Museo da Minería do País Vasco, na procura das datacións e do contexto científico do xacemento.

O domingo, día de peche, terá lugar a mesa redonda “Futuro da tradición e proxecto do Museo do Ferro de Galicia en Riotorto”, na que participarán Encarna Lago (Rede Museística Provincial de Lugo), Aitor Uriarte (Museo de la Minería del País Vasco), Juan Carlos Quintana (Museo de la Cuchillería, Taramundi, Asturias) e Teresa Carracedo Fraga, da Asociación de Ferreiros de Riotorto. Asi mesmo, durante os tres días recabaranse firmas e suxerencias para a posta en marcha do proxecto.

A asociación, que organiza a Feira do Ferro de Riotorto, conta actualmente cunha colección de documentos, obxectos, ferramentas, material gráfico e videográfico que abrangue a práctica totalidade das forxas que houbo no concello ata mediados do século XX. A Vicepresidencia da Deputación colaborou ao longo dos úlitmos anos na recompilación e creación deste material, que garda a memoria dun oficio secular, que marcou as relacións sociais, económicas, a toponimia, a arquitectura e a paisaxe dunha parte importante do territorio do concello.

0.19221091270447