A Federación de Fútbol estuda suspender a competición provincial sénior

TerraChaXa | AMariñaXa
Polo de pronto a Real Federación Galega de Fútbol avanzou que o máis probable é que se suspenda a competición das tres categorías de Autonómica correspondente ao fútbol provincial.
6 Xan 2021

Polo de pronto a Real Federación Galega de Fútbol avanzou que o máis probable é que se suspenda a competición das tres categorías de Autonómica correspondente ao fútbol provincial.

Segundo avanzaron, a escasa inscrición nas tres categorías foi a causa principal, ademais, moitos dos equipos amosaron desde o principio a súa intención de non competir debido ao risco sanitario.

Aínda que a decisión aínda non foi comunicada de forma oficial, todo parece indicar que se seguirá por ese camiño xa que moitos dos grupos quedarían case sen representación.

A que si se celebraría sería a Preferente, que conta co cen por cento dos inscritos no Norte e unha gran maioría no Sur. Do mesmo xeito, xugarán tamén as categorías de base da competición autonómica, tamén coa totalidade dos inscritos.

Tampouco se sabe que decisión se tomará coas categorías de base do fútbol provincial.

De ser así, os equipos que renunciaron a competir non terían unha penalización en forma de descenso.

OS EQUIPOS

O C.D. San Ciprián foi un dos equipos que mediante un comunicado oficial anunciou que non realizou a inscrición do seu equipo para a tempada 2020/2021 na categoría Segunda Autonómica.

Dita decisión, tomada en consenso con xogadores e adestradores, ven motivada polo seu “compromiso coas recomendacións sanitarias relacionadas coa situación de pandemia” e recalcan que “o protocolo da Real Federación Galega de Fútbol non se axusta a estas recomendacións”.

A xunta directiva deixa en evidencia que as realidades económicas e as instalación do fútbol afeccionado tampouco poden afrontar dito protocolo. Asumen así o posible descenso administrativo por non participar esta campaña na competición, pero deixan en evidencia que consideran que esta é “unha medida totalmente desproporcionada e inxusta, despois de telo gañado no campo de xogo”. Malia todo isto, o club espera poder volver competir cando se poidan garantir a seguridade dos xogadores para “volver desfrutar do fútbol na Veiga” cos seus afeccionados e afeccionadas dunha maneira segura.

Outro dos equipos que tampouco tiña pensado competir é o Spórting Pontenova, que tamén se fai cargo das consecuencias en tipo de descenso desta decisión, do mesmo xeito que non se cobrará este ano a cota de socio (os que pagaron quedarán exentos para o próximo ano). Esta decisión afecta tanto ao equipo sénior como ás categorías inferiores.

O Celeiro Club del Mar tamén comunicou a mesma decisión e así llo fixo chegar aos seus socios e xogadores. Neste caso o club, que xa milita en Terceira non tería unha sanción en modo descenso malia "que asumirán" o que lles correponda.

Esta decisión súmase á comunicada días atrás polo CD Alfoz, quen tamén tomou esa decisión.

Ademais, hai un grupo de 12 clubs de Primeira que non queren competir este ano e que se uniron para presentar unha carta conxunta de renuncia na que tamén se solicitaba que non se lles quitase a categoría por non xogar este ano "xa que é por motivos de conciencia e saúde".

 

0.084629058837891