Os distintos concellos da Mariña promocionanse en Fitur
Esta semana deu comezo a Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se prolongará ata o vindeiro domingo, día 23 e na que persoas que acudan a Fitur 2022 poderán atopar información turística sobre A Mariña Lucense e os distintos concellos no módulo provincial de Lugo no stand de Turismo de Galicia, sito no pavillón 9
Así, o concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández, asistiu á Feira Internacional de Turismo, onde agarda resultados positivos tanto para Burela como para o conxunto da Mariña.
O edil burelés contou que “estivemos acompañados por empresarios de Burela, que tamén decidiron acudir para promover os seus negocios en Fitur e por parte do Concello tivemos unha reunión cunha empresa de apps informáticas relacionadas co turismo. Foi unha primeira toma de contacto e vamos seguir falando para ver se podemos chegar a algún acordo”.
O Concello de Viveiro tamén mantivo diferentes reunións con empresas interesadas no Camiño do Mar.
En concreto, a alcaldesa, María Loureiro; mantioo encontros de traballos con Pilgrim e Tee Travel, dúas empresas que traballan cos Camiños de Santiago e consideran que o novo Camiño do Mar ten un elevado potencial de crecemento nos próximos anos.
Ademais do Camiño, Viveiro recolleu en Fitur a ‘Q de Calidade’ durante catro anos máis para as praias de Covas e Area, un distintivo que recoñece a calidade e os servizos de ambos areais.
Pola súa banda o Concello de Barreiros vén de enviar material promocional turístico sobre o municipio para ter a disposición de profesionais e visitantes no stand de Turismo de Galicia co fin de contribuir á mellora do posicionamento deste destino local.
Pois o Barreiros decidiu non asistir presencialmente este ano debido á situación epidemiolóxica actual, se ben, o Concello está presente a través da plataforma virtual Fitur Live Connect, co obxectivo de establecer contactos profesionais cos diferentes expositores ao longo dun período de tempo que vai máis aló da celebración da propia feira.
Deste xeito, estase a convidar a varios touroperadores especializados que operan en Galicia no eido das viaxes organizadas, grupais ou non, a establecer reunións en liña co fin de presentarlles o noso destino. Elixiuse aqueles que xa dispoñen de circuítos organizados na Mariña Lucense e no Camiño de Santiago, co obxectivo de que nos coñezan mellor como destino e as posibilidades que ofrece Barreiros.
Para isto estase ultimando un novo folleto-guía turístico no que se presentan as diferentes propostas de visita, así como a oferta aloxativa, de restauración e de ocio.
O PST é unha verdadeira oportunidade para establecer un marco estratéxico de traballo
A Mancomunidade de Concellos presentou o Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022–2024 e durante a presentación proxectáronse distintas gráficas e un vídeo resumo do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense composto por 5 eixos programáticos, que á súa vez engloban 18 liñas de actuación cunha inversión total de 2,225 millóns de euros, que xorde do convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, e para o que a Deputación de Lugo apoiará ao ente supramunicipal e aos Concellos no 10,11% da achega que lles corresponde cunha aportación de 81.000 euros, financiando o 44,94% a SETUR e outro 44,94% a Axencia de Turismo de Galicia.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “o PST é unha verdadeira oportunidade para establecer un marco estratéxico de traballo e afrontar con éxito o desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, ten por obxectivo principal promocionar un turismo respectuoso co territorio, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica, especialmente nas áreas rurais dos distintos concellos, que garanta o desenvolvemento dun modelo rendible no tempo para un destino cunha visión do turismo a longo prazo”.
O Concello de Trabada estivo presente na edición 2022 de Fitur, unha das feiras turísticas máis importantes do mundo, onde promociona o seu patrimonio natural e paisaxístico, así como o novo museo etnográfico.
“Para nós é moi importante estar aquí, cada ano son máis as entidades e persoas interesadas en Fitur polos atractivos paisaxísticos e patrimoniais que ofrece Trabada”, asegura a alcaldesa, Mayra García Bermúdez, que hoxe está na feira representando ao concello.
Unha das novidades este ano dentro da promoción de Trabada é o Centro Etnográfico José Rocha, que durante décadas coleccionou obxectos e obras antigas de todo tipo. Con todo este legado e nun acto de xenerosidade, hai varios anos comezou a impulsarse este proxecto, que desde o pasado verán é unha realidade e un éxito.
Na promoción do concello en Fitur son tamén protagonistas as rutas de sendeirismo, como a da Fraga de Becerreira; a Fraga de Vilapena; a ruta do Vento; a ruta de subida ao Picato, e a ruta do Monte Roxal-Teixido.
O Concello de Cervo tamén estivo presente un ano máis na Feira na que se pretende incidir na posta en valor dun lugar emblemático do Concello de Cervo, como é o Conxunto Histórico e Artístico de Sargadelos. A zona, que ademais de atesorar un incalculable patrimonio histórico, paisaxístico e cultural, ven de converterse nun centro de emprendemento artesanal, que na actualidade conta con sete proxectos de diferentes sectores.
Tal e como apuntou Villares, “dende o Concello estamos a facer unha aposta decidida para que Sargadelos sexa ese lugar de visita obrigada; non só no periodo estival, senón ao longo de todo o ano, e o noso papel aquí pasa por difundir os múltiples atractivos patrimoniais e culturais que garda”.
“Este tipo de feiras promocionais son a mellor vía para dar a coñecer o moito que ten que amosar Cervo no eido turístico, tanto a turoperadores coma aos posibles visitantes interesados en achegarse ata o noso concello” salientou o rexedor.
Unha delegación do Concello de Lourenzá promocionou os atractivos turísticos do municipio na que a alcaldesa, Rocío López, destacou "nesta visita aproveitamos para seguir promocionando os atractivos turísticos do municipio con distintos operadores turísticos para mostrarlles todos os recursos que ten Lourenzá. Foron sen dúbida unhas xornadas moi proveitosas, que nos permiten seguir dando pasos cara adiante no posicionamento de Lourenzá como un lugar turístico de referencia. Seguimos traballando nesa liña dando a coñecer ao mundo todo o potencial que temos: patrimonio natural e arquitectónico, gastronomía, Camiño Norte,… Todos os recursos nun só lugar para desfrute do visitante”, explicou a rexedora municipal, quen engadiu: “agardamos que esta edición de Fitur sexa positiva para Lourenzá e tamén para A Mariña no seu conxunto”.