Os días 13 e 20 de xaneiro seguirán en Ribadeo e na Pontenova as Xeorutas

AMariñaXa
Os días 13 e 20 de xaneiro seguirá en Ribadeo e na Pontenova o programa de Xeoturismo, as Xeorutas.
5 Xan 2024

Os días 13 e 20 de xaneiro seguirá en Ribadeo e na Pontenova o programa de Xeoturismo, as Xeorutas. A inscrición para participar está aberta.

O devandito programa, que deu comezo o pasado 30 de decembro, inclúe rutas e visitas xeolóxicas guiadas, tamén con motivo do Xeolodía, e formación. A adxudicación recaeu nun equipo técnico e consultor conformado por expertos guías, xeólogos e intérpretes do patrimonio coordinados pola empresa de turismo activo e axencia de viaxes Volta Montana.

A xerente do PSTD, Tania Hermida, explicou que “avanzamos no programa de Xeoturismo coas dúas Xeorutas previstas para este mes de xaneiro. O día 13 faremos a Xeotura dos Arcos, en Ribadeo; e o 20 de xaneiro realizaremos a Xeoruta das Minas, na Pontenova. Aquelas persoas interesadas en participar poden atopar toda a información e inscribirse no seguinte enlace:  https://amarinalucense.gal/es/geoturismo”.

E engade: “son 22 as actividades previstas dentro deste programa de Xeoturismo. Xa fixemos a primeira por Trabada o pasado sábado, 30 de decembro, e seguiremos agora coas dúas Xeorutas en xaneiro e haberá outras dúas en febreiro. Logo o groso da programación desenvolverase durante os meses de marzo, abril, maio, xuño e setembro”.

Catorce persoas, das dezasete previstas  inicialmente, participaron o 30 de decembro na Xeoruta de Cerrochán, por terras de Trabada, que foi guiada polo xeólogo Iván Lombardero. Os asistentes mostráronse moi interesados en todas as explicacións contextualizadoras. Iván Lombardero foilles contando polo camiño a orixe e o por qué dos diferentes tipos de rochas atopadas, a formación dos pregamentos, dos granitos, lousas, etc. Xa no alto do Cerrochán faloulles da importancia da conservación dos ecosistemas de turbeiras e como a instalación dos eólicos lle afecta a estes ecosistemas. Os participantes procedían da comarca da Mariña e do interior de Lugo e A Coruña e todos se amosaron interesados en acudir ás novas actividades organizadas pola Mancomunidade.

0.18036198616028