Os descontos de Mondigo cubrirán toda a enerxía consumida nas primeiras facturas

As familias adheridas ao programa Mondigo Beneficia poderán gozar de varios meses sen pagar pola enerxía eléctrica consumida, grazas á aplicación dos descontos acumulados durante o período transitorio establecido por Recursos de Galicia (RDG). A medida permitirá cubrir o 100 % do custo da enerxía nas primeiras facturas, ata esgotar os quilovatios hora bonificados, aínda que deberán seguir aboándose outros conceptos, como as peaxes, os impostos e os cargos regulados.
Nos últimos días, os fogares beneficiarios recibiron un correo electrónico personalizado no que se lles comunica o seu límite anual bonificable (LAB), calculado a partir do consumo eléctrico rexistrado durante os 365 días anteriores á solicitude de adhesión. Este dato obtense do Sistema de Información de Puntos de Subministración (SIPS), a base de datos oficial da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).
O programa impulsado por RDG busca que os beneficios da produción do parque eólico de Mondigo repercutan directamente na veciñanza da súa área de influencia. Para iso, establece unha bonificación do 80 % sobre o consumo eléctrico das persoas adheridas, cun límite individualizado segundo o historial de cada fogar. Ese máximo anual equivale ao 80 % da electricidade consumida no ano anterior á solicitude.
Descontos acumulados
A posta en marcha da iniciativa requiriu un período de tramitación entre a apertura das adhesións e a aplicación efectiva das bonificacións nas facturas. Para garantir unhas condicións comúns, RDG fixou un período transitorio entre o 1 de abril e o 30 de setembro de 2026.
Durante eses seis meses, cada persoa adherida acumulou dereitos de desconto equivalentes á metade do seu límite anual bonificable. Unha vez formalizado o contrato cunha comercializadora que aplique as bonificacións, esa cantidade poderá utilizarse nas facturas eléctricas. Mentres quede enerxía acumulada dispoñible, o desconto cubrirá o 100 % do custo da electricidade consumida, ata esgotar os quilovatios hora correspondentes.
Esta bonificación total afecta unicamente ao custo da enerxía. As persoas beneficiarias terán que seguir pagando os restantes conceptos da factura que non están incluídos no desconto, entre eles as peaxes, os impostos e outros cargos regulados. Cando se esgote a cantidade acumulada durante o período transitorio, entrará en funcionamento a bonificación ordinaria do 80 %, sempre dentro do límite anual asignado a cada fogar.
O mecanismo manterase durante toda a vida útil do parque eólico de Mondigo. Cada 1 de abril renovarase o cálculo dos dereitos de desconto, tomando como referencia o límite anual bonificable correspondente a cada familia adherida.
Solicitudes tramitadas
Durante o proceso de adhesión recibíronse 486 solicitudes por distintas vías, das que 42 estaban duplicadas. Das 444 válidas, 347 xa foron aceptadas e outras 14 permanecen pendentes de completar algún trámite para acreditar os requisitos. Entre as cuestións que cómpre resolver figuran a falta de facturas dos últimos meses, a ausencia do código universal do punto de subministración (CUPS) ou a imposibilidade de xeolocalizar determinadas vivendas.
As 83 solicitudes restantes foron denegadas inicialmente porque correspondían a fogares situados fóra da área de influencia do parque ou porque foran presentadas por empresas en lugar de por particulares, que poderán acceder aos seus propios produtos.
Máis de 200 contratos
Máis de 200 familias xa formalizaron o contrato con Máis Enerxía para acceder ás bonificacións. Esta comercializadora independente foi a primeira en sumarse ao proxecto de RDG e está a contactar coas persoas beneficiarias para tramitar a súa incorporación ao programa.
Ademais, outras comercializadoras solicitaron información sobre Mondigo Beneficia e sobre a posibilidade de asinar un convenio con Recursos de Galicia para ofrecer tamén estes descontos na zona.
As persoas da contorna que necesiten resolver dúbidas poden contactar con RDG no teléfono 604 012 723, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, ou escribir ao correo electrónico ola@rdgmondigo.gal.