Os concellos da Mariña abren os prazos para solicitar autorizacións das fogueiras de San Xoán e San Pedro

Coa chegada das tradicionais celebracións de San Xoán e San Pedro, os concellos da Mariña comezaron a informar á veciñanza sobre a apertura dos prazos para comunicar e solicitar as autorizacións necesarias para a realización de fogueiras. As administracións locais insisten na importancia de cumprir as normas de seguridade establecidas para evitar incidentes e garantir o desenvolvemento destas festas populares en condicións adecuadas.
Entre as condicións xerais figura a prohibición de queimar rodas, plásticos, aceites, derivados de hidrocarburos ou calquera outro material contaminante ou tóxico. Tamén queda vetada a realización de fogueiras preto de tendidos eléctricos ou telefónicos, edificios, vehículos e mobiliario urbano, debendo manterse unha distancia mínima de 50 metros con respecto a estes elementos.
Do mesmo xeito, non se permitirá acender fogueiras en terreos forestais ou agrícolas nin en zonas próximas a masas vexetais susceptibles de favorecer a propagación do lume. Nestes casos, será preciso tramitar as autorizacións correspondentes ante a Consellería do Medio Rural.
Os organizadores deberán garantir a vixilancia permanente da fogueira ata a súa completa extinción. Ademais, unha vez rematada a celebración, estarán obrigados a apagar totalmente as cinzas con auga e a retirar todos os residuos xerados, deixando a vía pública en perfectas condicións.
As autoridades lembran tamén que os responsables das fogueiras deberán atender en todo momento as indicacións da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e Bombeiros. En caso de incumprimento das normas ou ante queixas veciñais debidamente xustificadas, os servizos de emerxencia poderán proceder á extinción inmediata da fogueira.
No caso de Ribadeo, o prazo para comunicar as fogueiras de San Xoán permanecerá aberto ata as 14:00 horas do 22 de xuño, mentres que para as de San Pedro finalizará ás 12:00 horas do 26 de xuño. En Xove, as comunicacións para San Xoán poderán realizarse entre o 1 e o 19 de xuño, e para San Pedro entre o 1 e o 25 de xuño. Pola súa banda, en Foz e Lourenzá, o prazo rematará o 19 de xuño ás 13:30 horas.
Aínda que os períodos habilitados son moi semellantes na maioría dos municipios da comarca, desde as administracións recomendan consultar directamente con cada concello para confirmar os prazos e os procedementos específicos antes de presentar a documentación correspondente.