Os concellos amosan en FITUR a diversidade dun destino que aposta polo turismo de calidade todo o ano

AMariñaXa
A feira internacional serve de escaparate para o traballo conxunto dos concellos mariñáns
Mancomunidade-Marina-Fitur-2026-3
22 Jan 2026

Os concellos da Mariña Lucense están a ter unha presenza destacada na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra estes días en Madrid, cunha estratexia común orientada a reforzar a proxección exterior do territorio como un destino diverso, sostible e atractivo durante todo o ano. A través da acción conxunta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense e da participación directa de varios municipios, a comarca amosa en IFEMA a súa riqueza natural, cultural, patrimonial e creativa.

O Concello de Cervo participa en FITUR da man da súa alcaldesa, Dolores García Caramés, quen está a presentar o municipio como un enclave singular da Mariña no que se combinan paisaxe, patrimonio, creatividade e innovación. A rexedora está a manter encontros con profesionais do sector e visitantes para dar a coñecer o contraste entre a costa e o interior, a identidade cultural do concello e a súa aposta por un modelo de turismo sostible e de calidade.

Un dos piares da presenza de Cervo na feira é a promoción do proxecto Coworking Azul Cobalto, un espazo pensado para atraer nómadas dixitais, profesionais creativos e empresas innovadoras. Este novo equipamento situarase na Sala Cultural Xosé Vizoso, no edificio das Carboeiras, nun enclave histórico e natural de especial valor. A alcaldesa está a explorar en FITUR posibles colaboracións con axentes do sector do coworking, coa intención de posicionar Cervo como un lugar para emprender, crear e construír futuro.

Tamén Burela está presente en Madrid, representada pola alcaldesa, Carmela López, e polo concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, no marco da acción conxunta da Mancomunidade. Á delegación municipal súmase a técnica de turismo, encargada das tarefas máis especializadas de promoción. Tras unha primeira toma de contacto co recinto feiral, a alcaldesa destacou que FITUR permite coñecer de primeira man a realidade do sector e detectar oportunidades para concellos como Burela. Este xoves 22 de xaneiro, o municipio participa na presentación oficial da Mancomunidade no stand de Galicia, unha acción que, segundo López, visibiliza o traballo coordinado que se está a realizar desde a Mariña. Pola súa banda, Ramiro Fernández incidiu na importancia do labor técnico e institucional para establecer relacións con operadores turísticos e empresas do sector.

Viveiro participa desde onte en FITUR 2026 cunha axenda centrada na captación de oportunidades e na mellora da súa proxección exterior como destino turístico de calidade. A alcaldesa, Mariña Gueimunde, explicou que a presenza do Concello responde á necesidade de coñecer as tendencias do sector, poñer en valor os recursos propios e abrir vías de contacto con empresas, operadores e potenciais investidores. A rexedora salientou tamén a importancia de reforzar a visibilidade de Viveiro acorde co seu peso turístico na comarca e na provincia.

Entre as liñas estratéxicas que Viveiro promove en FITUR destacan a desestacionalización, o turismo vinculado á identidade local e a procura de novos operadores. Neste contexto, o municipio pon en valor a Semana Santa, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, así como a súa participación en redes europeas de celebracións relixiosas. Tamén se afonda en ámbitos con potencial de crecemento, como o turismo deportivo e náutico, apoiado polo porto deportivo e polo porto de Celeiro, considerado un activo estratéxico tanto polo seu peso pesqueiro como polo valor gastronómico asociado.

Ribadeo acode un ano máis a FITUR como referente do turismo de calidade e de actividade durante todo o ano. O alcalde, Dani Vega, subliñou que o municipio chega á feira cun traballo consolidado ao longo de diferentes corporacións, cunha mensaxe clara: Ribadeo non é só un destino de verán, senón unha vila viva os doce meses do ano. O rexedor destacou a ampla programación cultural, festiva e turística que se desenvolve ao longo do ano, pensada tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

Na súa intervención, Vega puxo en valor o patrimonio cultural, arquitectónico e natural de Ribadeo, o casco histórico, a pegada indiana, o Camiño Norte ao seu paso pola Capela das Virtudes e, de xeito especial, a praia das Catedrais. O alcalde explicou que o traballo de promoción busca ofrecer unha visión máis ampla deste monumento natural, a través de visitas guiadas, xeorrutas e accións divulgativas que permitan coñecelo máis alá dunha visita puntual. Ademais, agradeceu o labor das asociacións, colectivos, da Xunta de Galicia e do persoal técnico municipal por contribuír a consolidar Ribadeo como un destino turístico de referencia.

Pola súa banda, Barreiros está representado en FITUR polo concelleiro de Dinamización, Dani García, quen participa na feira cunha axenda centrada en reforzar a imaxe do municipio como destino de natureza e deporte dentro da Mariña. O edil mantén reunións con axencias especializadas en turismo sostible, coa Asociación Soy Ecoturista e participa nos encontros da Rede Pueblos del Surf. García destacou que o obxectivo é posicionar Barreiros e a comarca como destinos atractivos en calquera época do ano, apostando por un turismo respectuoso, consciente e vencellado ao territorio. Barreiros participa tamén na presentación da campaña comarcal “A Mariña, un viaxe á identidade”, que pon en valor o turismo de benestar e de conexión coa cultura mariñá.

O alcalde de Trabada, Rubén García, realizou un balance moi positivo da presenza do municipio en FITUR, destacando o potencial turístico ligado á natureza, á tranquilidade e á autenticidade do rural. Durante a feira deu a coñecer recursos como as fragas, o río Eo, as rutas de sendeirismo e outros atractivos naturais que definen a identidade do concello, e subliñou que promocionar Trabada é tamén favorecer a fixación de poboación e a creación de oportunidades económicas. Ademais, participou na presentación da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, dando visibilidade á comarca e ás súas iniciativas turísticas conxuntas.

⚙ Configurar cookies
0.082892894744873