Os centros sociais de Covas e Chavín acollerán os Obradoiros de Memoria
O Concello de Viveiro pon en marcha os Obradoiros de Memoria nos centros sociais de Covas e Chavín para todos os veciños e veciñas da vila. A actividade, que se oferta a través da Consellería de Benestar Social, é totalmente gratuíta.
O obxectivo destes Obradoiros de Memoria é atender ás necesidades que xorden nos diferentes centros sociais e parroquias, conformando así o programa de actividades do concello dirixidas ás persoas maiores.
“Dende o Concello de Viveiro impulsamos estes obradoiros para atender ás necesidades das persoas maiores, reforzando o envellecemento activo e a prevención do deterioro cognitivo”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
Os Obradoiros de Memoria desenvolveranse no Centro Social de Covas os martes e xoves de 18.00 a 19.30 horas, e no Centro Social de Chavín os mércores e venres de 17.00 a 18.30 horas.
Os interesados en inscribirse poden facelo directamente nos centros dentro do propio horario da actividade.