Os carteis gañadores poñen imaxe á Feira do Bonito 2026 de Burela

A Sociedade Cultural Recreativa Ledicia fixo público o fallo do Concurso de Carteis da Feira do Bonito 2026, unha das primeiras citas do calendario previo á celebración desta festa gastronómica e cultural de referencia en Burela.
Na categoría A, dirixida ao público infantil de ata 14 anos, o traballo gañador foi o presentado por Daniel Franco Fernández. Pola súa banda, na categoría B, para participantes maiores de 14 anos, a vencedora foi Maite Fernández Cendoya.
Desde a organización avanzan que polo momento se difunden imaxes parciais das dúas obras premiadas, mentres que os traballos completos serán dados a coñecer nos vindeiros días.
O concurso de carteis serve cada ano para escoller a imaxe coa que a Feira do Bonito comeza a quentar motores. A cita, organizada pola SCR Ledicia desde os seus inicios, reivindica a tradición mariñeira de Burela e o papel do bonito como un dos produtos máis representativos da vila.
A Feira do Bonito celébrase habitualmente na primeira fin de semana de agosto e reúne gastronomía, cultura popular, música e actividades para todos os públicos, consolidándose como un dos eventos máis agardados do verán na Mariña.