Os Cabaleiros do Landro anuncian que non organizarán este ano a Feira das Maulas

A Asociación Cabaleiros do Landro de Viveiro fixo público que este ano non asumirá a organización da tradicional Feira das Maulas, unha decisión que cualifican de “difícil pero necesaria” ante a imposibilidade de facer fronte aos custes que implica sacar adiante este evento.
O colectivo lembra que foi hai dous anos cando decidiu coller as rendas da feira, nun momento no que non había ningunha entidade disposta a facerse cargo da súa organización. “Non queriamos que unha tradición tan nosa quedase no esquecemento, e por iso demos o paso”, explican desde a asociación, que asumiu desde entón a coordinación dun encontro cunha longa traxectoria histórica.
Porén, a situación económica actual obrígaos a dar un paso ao lado. Segundo trasladan, os números non cadran e resulta inviable compatibilizar a Feira das Maulas co resto de actividades que desenvolven ao longo do ano. “Non nos saen as contas para manter todos os eventos que organizamos”, sinalan, recoñecendo que a decisión está motivada pola responsabilidade e pola necesidade de garantir a viabilidade do colectivo.
A entidade anuncia que centrará os seus esforzos nas carreiras da Cidade de Viveiro que se celebran en Celeiro e tamén na ruta cabalar, dúas iniciativas que consideran prioritarias dentro do seu calendario anual. O obxectivo, explican, é reforzar aquelas propostas que poden asumir con maiores garantías organizativas e económicas.
Desde os Cabaleiros do Landro agardan que outra asociación, institución ou colectivo dea un paso adiante para manter viva a Feira das Maulas, unha cita que conta con máis de tres séculos de historia e que forma parte do patrimonio cultural e social do municipio. “Sería unha verdadeira pena que desaparecese unha feira con máis de 300 anos de historia”, subliñan, apelando á implicación da comunidade.
A asociación pecha a súa comunicación cunha mensaxe de agradecemento e comprensión cara á veciñanza, confiando en que a decisión sexa entendida e en que o futuro da feira poida quedar en boas mans para garantir a súa continuidade.