Os Bolechas visitaron o colexio de Riotorto dentro do programa Da Escola á Granxa

TerraChaXa | AMariñaXa
As personaxes creadas por Pepe Carreiro teñen un papel dinamizador nesa iniciativa xa que son os protagonistas do libro 'Os Bolechas van da escola á granxa'
bolechas-riotorto
24 Oct 2024

Alumnas e alumnos do CEIP de Riotorto gozaron dun encontro cos Bolechas no marco do programa Da Escola á Granxa, organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que financia visitas de escolares de infantil e primaria a granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios do rural para achegar ás novas xeracións ao sector primario.

As personaxes creadas por Pepe Carreiro teñen un papel dinamizador nesa iniciativa xa que son os protagonistas do libro Os Bolechas van da escola á granxa, no desenvolve dun xeito didáctico e ameno os obxectivos do programa e que se entrega a todas as nenas e nenos que participan nas visitas a través das anpas.

A maiores, os colexios entran no sorteo dun encontro coas coñecidas personaxes infantís que, nesta edición, premiou ao colexio riotortense, que participa no programa desde a primeira edición, en 2022, e que, nesta edición, visitaron a produción de plantas aromáticas, especias e hortalizas deshidratadas Milhulloa, en Palas de Rei.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro agradeceu “á anpa e ao profesorado a participación no programa que supón un reforzo para a iniciativa e, especialmente, para as produtoras e produtores que reciben as visitas, que ven recoñecido e valorado o seu traballo” e destacou a contribución que “Os Bolechas fan a esta iniciativa da área de Rural co libro Os Bolechas van da escola á granxa que transmite as nenas e nenos o papel fundamental que o sector primario ten na produción de alimentos e no mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe”

O CEIP de Riotorto é un dos máis de 40 colexios que participan nas 130 visitas e obradoiros que se desenvolven nesta terceira edición do programa, na que participan 34 granxas, producións agrarias e pequenas producións alimentarias das distintas comarcas.

0.16333484649658