Os Bolechas descobren a diversidade cultural de Burela nun novo libro

AMariñaXa
A publicación percorre lugares emblemáticos da vila e achega aos máis pequenos a riqueza das diferentes culturas, linguas e tradicións que conviven no municipio
Os-Bolechas-en-Burela
8 Aug 2026

Burela conta cunha nova aventura dos Bolechas. O Concello presentou este venres na Praza da Mariña o libro Os Bolechas. A Festa da Multicultura de Burela, unha publicación infantil que pon o foco na diversidade cultural e na convivencia entre persoas procedentes de diferentes lugares do mundo, unha realidade estreitamente ligada á evolución social do municipio.

A presentación contou coa participación da alcaldesa, Carmela López; da concelleira de Cultura, Lina Gómez; e da cronista oficial de Burela, Herminia Pernas. Esta última foi a encargada de contextualizar a transformación experimentada pola localidade e a importancia que a chegada de familias de distintas procedencias tivo na configuración da sociedade burelá.

Nesta nova historia, os populares personaxes infantís percorren algúns dos lugares máis coñecidos de Burela, entre eles a Praza da Mariña, o porto, as praias da Marosa e do Cabaliño e o Parque Rosalía de Castro. Ao longo da aventura atopan personaxes con raíces en diferentes países que lles descobren as súas linguas, músicas, instrumentos, vestimentas e gastronomías.

A publicación emprega así unha historia de amizade como ferramenta para achegar aos nenos e nenas valores como o respecto, a convivencia e o coñecemento doutras culturas.

Durante o acto, Herminia Pernas destacou que a multiculturalidade se converteu nun dos principais sinais de identidade da Burela actual. A cronista oficial puxo en valor, ademais, a contribución das familias chegadas desde diferentes puntos do mundo á vitalidade demográfica, social e comunitaria da vila.

Pola súa banda, Lina Gómez incidiu na importancia de que os máis pequenos se vexan reflectidos nas historias que len. A concelleira de Cultura explicou que o obxectivo é que coñezan desde a infancia a riqueza que representa convivir diariamente con persoas de diferentes culturas, costumes e tradicións.

Os nenos e nenas que participaron na presentación recibiron gratuitamente un exemplar, coa intención de que a lectura e a mensaxe da publicación continúen tamén nos fogares e poidan compartirse en familia.

Este é xa o terceiro título dos Bolechas que ten Burela como protagonista. A colección dedicada á localidade comezou en 2019 con O bonito de Burela, centrado na costeira desta especie, e continuou con Os Bolechas comen peixe en Burela. A nova entrega cambia agora o mar e a pesca pola diversidade cultural para mostrar outra das características que definen o municipio.

0.12128305435181