Os beneficios do libro de Pepe Otero volven transformarse en axuda social en Foz

O profesor Pepe Otero volveu demostrar o seu compromiso co ámbito social de Foz tras facer entrega ao Concello dun donativo de 1.200 euros, procedente das vendas locais do seu último libro, Un paseo polo labirinto. A obra fora presentada en outubro de 2025 na Casa da Cultura de Foz nun acto que contou coa presenza do ex director da Real Academia Española Darío Villanueva e do tamén docente Ramón Reimunde, que acompañaron ao autor na presentación.
O volume saíu á venda en distintas librerías do municipio —Bahía, Ofifoz e Rapadoira— e o escritor decidiu destinar integramente os beneficios obtidos en Foz a reforzar os servizos sociais municipais. A entrega formal do importe tivo lugar onte, mércores, nun encontro no que participaron o alcalde Fran Cajoto e a concelleira de Servizos Sociais Ana Rojo.
O rexedor expresou o seu agradecemento pola iniciativa, destacando que se trata da terceira ocasión na que o profesor realiza unha doazón deste tipo. Subliñou que é un xesto “completamente altruísta” e que reflicte tanto a súa faceta docente como humana, contribuíndo directamente a mellorar a atención ás persoas que máis o precisan no municipio.
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais puxo en valor o compromiso constante de Pepe Otero coa súa localidade e sinalou que esta achega permitirá reforzar programas de apoio a familias en situación de vulnerabilidade, ao tempo que agradeceu publicamente a súa implicación.
Cómpre lembrar que xa nos anos 2018 e 2023 o autor realizara doazóns similares ao Concello, froito das vendas doutras publicacións, consolidando así unha traxectoria de colaboración continuada cos servizos sociais de Foz.