Os arqueiros do Iadovi brillan en Valdeorras e encaran a Liga Galega con opcións de título

Os deportistas do Club de Tiro con Arco Iadovi de San Cibrao volveron destacar con forza na cuarta tirada da Liga Galega e Trofeo Federación, celebrada esta fin de semana no Barco de Valdeorras. Os arqueiros Santiago González Villares, en arco espido sénior, e Jorge Álvarez Amor, en composto veterán, asináron dúas actuacións brillantes que reforzan o bo momento da entidade.
A competición do sábado contou coa presenza de Santiago González, que viviu unha xornada de forte rivalidade desde o primeiro disparo. No ecuador da proba apenas conseguira abrir unha diferenza de 8 puntos respecto ao seu principal perseguidor, outro Santiago da AD Súa Agra, o que anticipaba un final moi axustado. Na segunda metade, o rival conseguiu situarse 1 punto por diante, pero o tirador do Iadovi mantivo a calma e sacou partido á vantaxe inicial, logrando unha marxe final de 7 puntos.
Ese colchón permitiulle proclamarse campión do Trofeo Federación, reafirmando a súa regularidade nesta tempada. Ademais, cando aínda resta unha proba por disputar, González practicamente ten asegurado o título da Liga Galega, ao acumular unha vantaxe de 108 puntos sobre o seu inmediato perseguidor, Enrique Busto Rodríguez, do Barbanza. Unha distancia que, segundo o club, “é practicamente imposible de recortar nunha única tirada”.
O domingo foi a quenda do veterán Jorge Álvarez Amor, que non quixo quedar atrás e sumou outro ouro para o Iadovi. O arqueiro de composto realizou unha competición impecable, mantendo o liderado en todo momento e asinando unha estabilidade que lle permitiu superar ao segundo clasificado por 10 puntos, mellorando ademais o bronce que obtivera na mesma proba o ano pasado.
Álvarez repetiu unha marca de 565 puntos, igual ca na súa tirada previa, e sitúase agora ás portas de loitar polo título autonómico. A clasificación está encabezada por Reinaldo Daniel Motto Acosta, do Archers Team, con 564 puntos, pero cunha tirada máis realizada. Desde o club Iadovi confían nas opcións do seu arqueiro: “Animámolo a manter a concentración e dar o máximo na última proba, que ademais será o Campionato Galego”.