Os afectados pola suba das tarifas da residencia de Foz denuncian que as familias aboarán o 100 % do servizo

Foz
AMariñaXa
Os afectados acusan a Alcaldía de basear a súa decisión nun estudo de viabilidade con partidas de gasto infladas e sen unha análise previa
residencia foz
26 sep 2024

A recente proposta da Alcaldía de Foz para adxudicar a xestión da Residencia de Maiores e o Centro de Día a unha empresa privada xerou unha forte polémica entre os veciños e usuarios actuais do servizo. Desde unha plataforma de afectados, denuncian que esta medida provocará unha suba "brutal e desproporcionada" nas tarifas, facendo o servizo inasequible para moitas familias da localidade.

Os afectados acusan a Alcaldía de basear a súa decisión nun estudo de viabilidade con partidas de gasto infladas e sen unha análise previa. A proposta, segundo afirman, busca que os usuarios asuman o 100 % do custo do servizo desde o primeiro mes, sen ter en conta a súa capacidade económica. Denuncian, ademais, que o Concello non achegará contraprestación algunha, obrigando os usuarios ou as súas familias a pagar integramente as tarifas.

A Alcaldía, pola súa parte, asegura que existe unha partida de 270.000 euros nos orzamentos municipais deste ano para axudar a aquelas persoas que non teñen capacidade económica suficiente. Non obstante, os afectados argumentan que máis do 90% dos usuarios non poden acceder a estas axudas debido aos requisitos restritivos da actual ordenanza, que o goberno local se nega a modificar para ampliar a cobertura social.

Ademais, os afectados critican que a nova ordenanza reguladora dos servizos da Residencia e Centro de Día está en trámite sen a debida exposición pública. Consideran que a privatización do servizo favorecerá unicamente a maiores con pensións máximas ou familias acaudaladas, deixando fóra a moitos veciños con recursos limitados.

A plataforma fai un chamamento á Corporación Municipal e á veciñanza para que reflexionen antes da votación no Pleno deste xoves, xa que, segundo afirman, esta decisión podería converter un servizo público fundamental nun privilexio para uns poucos.

Reclaman unha revisión profunda da proposta para evitar que as novas tarifas exclúan aos maiores de Foz e que a residencia deixe de cumprir coa súa función social e integradora no municipio.

0.16715908050537