Organizan unha comida de confraternidade e un paseo guiado pola fraga de Santo Estevo
A Fundación Eira da Xoana (ADEGA), Mariña Patrimonio e a Irmandade Santo Estevo organizan unha comida de confraternidade e a un paseo guiado pola fraga de Santo Estevo. Esta cita é aberta a todas as persoas que fixeron unha achega económica para a compra da parcela de Santo Estevo, así como a todas aquelas que queiran unirse a esta celebración.
Queren celebrar con todos e todas vós este importante logro e amosar “en persoa”, o espazo que, grazas a xenerosidade, están a preservar e recuperar. Será o vindeiro 1 de setembro no Santo Estevo do Ermo a partir das 14.00 horas. Ás 14.30 comezará a comida que a cada participante debe levar. Será unha oportunidade para compartir e gozar dun ambiente de compañeirismo e celebración. Ás 17.00 terá lugar un paseo pola fraga de Santo Estevo.
Durante a visita, poderase coñecer en detalle o espazo natural e arqueolóxico que estamos a preservar, incluíndo os restos da antiga igrexa e o xacemento medieval. Para facilitar a organización do evento, piden que se confirme a asistencia enviando un correo electrónico a fundacion@eiradaxoana.gal antes do xoves 29 de agosto.