Organizan en Burela dous obradoiros de escritura creativa con Antía Yáñez

AMariñaXa
As actividades están deseñadas para diferentes grupos de idade, co obxectivo de fomentar a creación literaria
Club de lectura (1)
28 sep 2024

O Concello de Burela pon en marcha durante os meses de outubro e novembro dous obradoiros de escritura creativa a cargo da recoñecida autora burelá Antía Yáñez. As actividades están deseñadas para diferentes grupos de idade, co obxectivo de fomentar a creación literaria na comunidade. Os sábados 5, 19 e 26 de outubro, os obradoiros estarán dirixidos a adultos, mentres que os sábados 9, 16 e 23 de novembro serán para mozos e mozas de entre 14 e 20 anos.

As sesións terán lugar na biblioteca municipal e contarán cunha praza limitada a 12 participantes por curso. A concelleira de Cultura, Lina Gómez, expresou a súa satisfacción por poder ofrecer iniciativas como esta, resaltando a importancia de contar cunha escritora de prestixio como Yáñez, un referente na literatura galega contemporánea. “Estas actividades non só fomentan a creación literaria, senón que tamén contribúen a enriquecer a vida cultural do pobo e estimular a creatividade da nosa comunidade”, afirmou.

Gómez tamén subliñou que os obradoiros buscan dar voz a novas historias e formas de expresión, convertendo a cultura nun punto de encontro e intercambio para todas as idades. Por outra banda, o concelleiro de Mocidade, Mario Pillado, destacou a relevancia de que os mozos vexan en Antía Yáñez un referente cercano, exemplificando que é posible desenvolver un proxecto vital desde Burela. “Estamos seguros de que unha profesional tan recoñecida como Antía será capaz de sacar o mellor da nosa mocidade”, concluíu. Os interesados en participar deben ter en conta as prazas limitadas e inscribirse con antelación para non perder a oportunidade de aprender e crear ao lado dunha das voces máis importantes da literatura galega.

0.1868999004364