Opinión: Senxosenoma 26

AMariñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
28 Sep 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

O pasado venres 25 de setembro celebrouse no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela a quinta edición do proxecto que leva a cabo a Real Filharmonía de Galicia en colaboración —esta vez— coa Banda Municipal da cidade peregrina e que leva o nome de "Sensoxenoma", relacionado cunha disciplina científica emerxente que estuda como os estímulos sensoriais poden influír no funcionamento da nosa fisioloxía e da nosa xenética.

É evidente que a música incide directamente no noso estado de ánimo e sensorial e que produce en nós diversidade de estímulos que afectan tanto á psique como ao corpo en xeral; algo que xa era coñecido e aplicado desde a prehistoria, cando xa existían sons de rudimentarios instrumentos —e aínda vixentes, como os tambores, por exemplo— ou a voz, o marabilloso instrumento que, coas súas finas cordas vocais, vive dentro de nós.

Estes predecesores nosos xa aplicaban a música á vida, que tampouco era tan diferente no máis esencial: música para a guerra, para as tarefas, para a espiritualidade, para o deleite... Funcións plenamente vixentes entre nós desde entón.

Estas influencias sensoriais da música no noso "ánimo" recólleas a filosofía grega —Platón, Aristóteles...— baixo o nome de "teoría do ethos", que chega ao seu cumio no Barroco coa "teoría dos afectos", traducida en obras de incomparable beleza.

Pero a "sensoxenómica" vai máis alá; busca estudar como os estímulos sensoriais impactan no noso ADN e procura as bases moleculares que subxacen na actuación da nosa información xenética, algo que se describe por primeira vez na revista "Genes (2021)", no artigo "Sensoxenómica e trasfondo biolóxico dos estímulos musicais; perspectivas para unha nova era da investigación musical".

E nisto está a Filharmonía de Galicia desde hai xa cinco anos: recollendo mostras de sangue, saliva e bágoas entre os participantes voluntarios antes e despois do concerto para despois seren analizadas por un equipo multidisciplinar integrado por profesionais do ámbito da bioloxía, a xenética, as matemáticas, a música... e poder comprobar os cambios producidos.

O concerto estivo dirixido por Jorge Baltar e participou tamén Martín Llade, presentador do programa "Sinfonía da Música da Mañá" de Radio Clásica —premio Ondas 2026—, musicólogo, escritor e xornalista.

Un interesantísimo estudo que podería mesmo demostrar se as capacidades ou aptitudes musicais existen no noso ADN. Algo que me atrevo a afirmar —aínda que sen fundamento científico ningún—, xa que todo nos vén dado a través da xenética que determina os nosos trazos físicos, biolóxicos e, por que non, sensoriais?

"Noscete ipsum", dicían os romanos.

Coñécete a ti mesmo. Non é tarefa fácil, pero si a mellor maneira de coñecer a todos os demais. Parabéns, RFG!

0.14602589607239