Opinión: Outono no Consello

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
29 Nov 2026

Por Julia Mª Dopico Vale y Piñeiro

Intensa actividade de outono no Consello da Cultura Galega, órgano asesor consultivo independente da nosa Comunidade Autónoma, cuxa finalidade é defender e difundir os valores culturais galegos desde o Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O Consello acaba de desenvolver neste mes de outono, o autumnus —vinculado á idea de plenitude e coñecemento—, un conxunto de actividades, cada unha delas máis interesante.

A presentación foi o 17 de novembro co videoensaio do pontevedrés Víctor F. Freixanes, escritor, xornalista, premio Torrente Ballester en 1993 e antigo membro da Real Academia Galega, entre outros méritos. O vídeo foi realizado por Laura Guzmán Guizán e Ricardo Araújo, baixo o patrocinio da Deputación da Coruña.

O día 19 inaugurábase a exposición "En negro contra as violencias", con motivo da violencia contra as mulleres; esta traxedia da sociedade actual que vén botar por terra a loita de tantas persoas en favor dos nosos lexítimos dereitos. O día 23 tivo lugar o foro de debate "Interior no Patrimonio Edificado", no que se abordou o interesantísimo tema da regulación das intervencións sobre o patrimonio edificable de Galicia, entre as normas legais e a súa aplicación discrecional. Unha maneira de incorporar o pasado ao futuro, abordando cuestións como a súa conservación e restauración e mesmo indo máis alá da estrita conservación ou restauración.

O día 26, dentro do ciclo "PENSARMOS", que continuará ao longo do ano, tratouse "O triunfo da Anti-ilustración", centrado nos modelos de poder que erosionan a democracia e os seus valores de igualdade, liberdade, dereitos... coa idea de pensar, preguntar ou propoñer cuestións sobre estes principios desde puntos de vista dos máis heterodoxos.

O Consello, polo tanto, segue firme nos seus compromisos, con claridade e bo facer, converténdose ao longo dos anos nun referente sobre a nosa identidade e patrimonio material e inmaterial, cunha inxente labor que o sitúa en primeira liña.

E segue rumbo. Avanti!

0.79497909545898