Opinión: Música en Sobrado

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
19 Jul 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Na tarde deste 18 de xullo, mes así bautizado en honra a Xulio César, celebrouse o concerto Música festiva na Península Ibérica nos séculos XVI e XVII no Mosteiro de Santa María de Sobrado, fundado no século X co nome de San Salvador.

O concerto correu a cargo da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, unha agrupación musical clásica que destaca polos seus dinámicos encontros e polo seu 'Curso de Especialización Orquestral', dirixida polo arxentino Nicolás Ravielli Barreiro, quen destaca polo seu traballo tanto na música sinfónica como na ópera, debutando en 2014 como director co Singspiel A frauta máxica de Mozart, 'il divino', consolidándose así na Arxentina e establecéndose despois en Galicia, onde funda a orquestra como plataforma para cultivar o talento novo e involucrar musicalmente á comunidade.

Nesta ocasión, Terra Nova propuxo unha travesía musical polas etapas máis gloriosas da música hispánica e italiana: o Renacemento, aquel rexurdir, aquel 'volver a nacer' que nunca abandonamos, e o complexo, exuberante e dramático Barroco, cun repertorio de marcada pegada ibérica, con obras do compositor sevillano Luis Venegas de Henestrosa, Diferencias sobre 'Las Vacas'; Antonio de Cabezón, un dos máis insignes da nosa historia, con Pavana con su glosa; Frei Antonio Martín y Coll e o seu Bayle del Gran Duque e a Danza del Hacha; o napolitano Andrea Falconieri con Folías hecha para mi Señora Doña Tarolilla de Carallenos; de Santiago de Murcia, Gaitas; o anónimo Una jácara hispánica; e, para concluír, La Follia de Antonio Vivaldi, unha das variacións instrumentais máis virtuosas do seu tempo, tanto pola súa esixencia técnica como pola súa intensidade emocional.

I violini exercen aquí todo o protagonismo nun concerto tan suxestivo como o propio enclave deste lugar de lenda, cheo de paz e de harmonía.

0.12157487869263