Opinión: Homenaxe a Álvaro Lamas

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
O vindeiro venres 25 de setembro, ás 19.00 horas, no Auditorio de Ferrol, o Auditorio Municipal situado na Avenida do Mar de Caranza e inaugurado en marzo de 2014 coa participación de todas as rondallas da cidade do ferro ‒ferro‒, áncoras ‒ferrón‒ ou faros ‒pharus‒, terá lugar unha homenaxe dedicada a Álvaro Lamas, falecido o pasado mes de xaneiro, provocando unha grande conmoción social, xa que Álvaro mostrou sempre unha gran xenerosidade e humanidade á marxe do seu éxito na escena musical, que o converte nun referente da música galega da década dos "80"; un tempo que marcou a toda unha xeración na que me inclúo.
Autodidacta e pioneiro en introducir o steel guitar na cidade ‒técnica desenvolvida en Hawai e que posteriormente pasaría aos EE. UU., onde os intérpretes de blues a fixeron súa, elevando o lamento da inconmensurable Afrique ao mundo enteiro con sons vibrantes e voces profundas e cálidas como o sol poñente da tamén lendaria casa de New Orleans‒, Lamas acadou o máximo recoñecemento musical con Los Limones, a icónica banda de pop-rock que popularizou o tema "Ferrol", que describe con orgullo e melancolía a vida do mar e a identidade da cidade: ‒Sé que aquí nací y aquí quiero quedarme; aquí está mi hogar, donde se pone el mar…‒; unha letra que todos recoñecemos na voz de Santi Santos, cantante, compositor e líder da banda.
Álvaro colaborou despois con Los Eternos de Cedeira, outra banda fundada en 2003 por Cudi e Chewis que, co seu álbum Back on the Road, lograría once nomeamentos aos Premios da Música.
En Ferrol Recors graváronse tres dos discos de Los Limones e Fernando Fernández Rego recolle os apuntamentos biográficos e artísticos de Álvaro Lamas en Unha historia da Música en Galicia ‒Galaxia‒. Tamén Maxi López, responsable de La Room, lembra a súa figura e define o artista como "unha lenda da música da nosa cidade e da nosa comarca".
Toda a corporación municipal acordou homenaxear a Álvaro o día 25 de setembro; algo máis que merecido e que todos celebraremos. In memoriam.