Opinión: As do Molido

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
Con gran expectación celebrouse o pasado venres no Teatro Jofre de Ferrol o Día Internacional das Mulleres Rurais; un día especial para recoñecer o labor fundamental e decisivo das mulleres no desenvolvemento agrícola, a seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza no campo, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en decembro de 2007, conmemorándose por primeira vez en 2008 e que esta vez en Ferrol estivo presentado pola nova e veterana Ada Romero, xornalista e locutora da radio COPE.
A celebración transcorreu de xeito afable e agradable entre a música do grupo das Cantareiras de Gradaílle, pertencente ao Real Coro Toxos e Froles, a célebre e histórica agrupación musical folclórica ferrolá que destaca por ser o coro tradicional galego en activo máis antigo de España, e a participación de mulleres do rural de Ferrol, cuxas vivencias e lembranzas se recollen no libro "As do Molido", da compañeira xornalista en Diario de Ferrol Marta Corral, con fotografías de Catu Martínez e edición de Embora.
Un libro que comeza: "A todas as molideiras, esas mulleres que sustentaron (e sustentan) a vida no rural...". Mulleres invisibles pero omnipresentes no desenvolvemento da vida cotiá, atendendo as súas casas, a comida, as plantas, os froitos e as sementes, o gando, a limpeza, gañando o xornal... "Arrimando o ombreiro" naqueles tempos difíciles que nada teñen que ver cos actuais e que aos mozos lles resulta difícil comprender, ao descoñecer o pasado e a orixe do que somos. "O pobo que descoñece a súa historia está condenado a repetila", dicíanos George Santayana na súa obra The Life of Reason (A vida da razón).
Coa presenza institucional da concelleira da muller, Elvira Miramontes, e do alcalde, José Manuel Rey Varela, que lembraba ben que "en Galicia todos temos unha aldea", volvemos pasar polo corazón aquelas "pequenas grandes cousas" das nosas nais e avoas. Que sería de nós sen elas? Ai!, o arrecendo do pan, da roupa branca "ao clareo" sobre a herba fresca do campo, os mandís, a leña, os manteis bordados coa infinita paciencia dunhas mans infatigablemente laboriosas...!
Que bonito, Marta, o teu libro. Que bonito pasear por aquelas lembranzas de leite morno, mel, pan con manteiga e azucre...
Parabéns por tan loable traballo e parabéns ao Concello de Ferrol, que unha vez máis achegou os seus recursos para poñer na mirada cidadá a luz e a pegada que deixaron estas marabillosas mulleres.
Tamén aos bailaríns de Mundo Danza, que clausuraron o acto executando unha peza creada especialmente para a ocasión, e a todos os que fixeron posible vivir este entrañable momento.