Opinión: Faros e teas

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
26 Apr 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Moitas cousas aconteceron en Ferrol esta semana; todas interesantes e esperanzadoras. A clausura da exposición Ferrol no pasado. A vida cotiá, organizada pola Asociación Amigos do Museo de Ferrol, que se despediu tras recibir máis de tres mil visitas, xerando unha grande expectación e colaboración cidadá, ou a inauguración da primeira Feira do Libro de Galicia, que parte da cidade naval cara a trece localidades, coa presenza, entre outros, do alcalde, José Manuel Rey; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; librarías, editoriais, autores, a pregoeira, Cristina Otero, e unha cidadanía que responde sempre con agarimo ao libro. Eventos que dan vida á fermosa cidade dos faros, como o de Cabo Prioriño, e como tamén é A Coruña co Faro Brigantium e cos faros que iluminan todas as nosas costas e a todos os que as navegan. Mais hai outras luces acesas ademais dos faros: as antorchas, as teas.

A Asociación Cultural O Facho sostén a súa con firmeza e volve resoar no meu camiño como a campá dalgún pobo transitado hai moitos anos que devolve as súas resonancias con encontros de antigos e inesquecibles amigos: “No seu perfil antigo admiro/o abismo máis profundo e escuro/sinto ao cham o sentimento puro/na vertixe física en que viro./Mais ao seu lado, o seu sentir escuro/me desborda a ser escravo seu./Apenas son gaivota e ela o ceo/en que confundo un rumbo tan seguro…”.

O 26 de abril a veterana entidade rende a Homenaxe Nacional “Abril de Lume e Ferro” coa música dos Tres Pés e as letras de Marica Campo e Lucía Vilariño para lembrar a doce homes de honra que alá polo ano 1846, liderados polo coronel Miguel Solís e Cuetos, se declararon en rebeldía pronunciando a palabra Liberdade; ese nome sagrado que semella non deixar máis que vítimas ao seu paso, entre elas os Mártires de Carral, fusilados nun “espectáculo horroroso” que non debe ser esquecido. In memoriam, con sumo respecto ao “libertador de Galicia” e aos seus oficiais.

0.11822199821472