Opinión: Estudos Mindonienses '2026'

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
25 Oct 2026

Por Julia Mª Dopico Vale y Piñeiro

O vindeiro xoves 29 de outubro, ás 19:00 h, na Fundación Exponav de Ferrol, e contando co patrocinio da Catedral de Mondoñedo, a Diocese de Mondoñedo-Ferrol, Exponav e o Concello de Ferrol, presentarase o volume 39 de 'Estudios Mindonienses'.

Entre as achegas destacan as de David Corral, cun traballo sobre as parroquias mindonienses baixo a xurisdición das Ordes Militares de Santiago e San Xoán de Xerusalén desde a Idade Media ata a súa disolución en 1873; a de Leal Bóveda: 'El Cantábrico también existe' —1.ª parte—, na que estuda a pesca e o comercio marítimo dalgúns portos da Galicia Cantábrica dos séculos XVII e XVIII; a de Chemi Lombradero Rico, sobre a historia, creación e disolución da casa indiana de 'La Barrera'; a de Manuel García Lamas, sobre a desaparecida ecclesia de Santa María de Xuvia; a de Margarita Sánchez, sobre a concatedral de San Xiao; a de Pedro Javier González, sobre a apaixonante historia da presenza da mitoloxía grega no patrimonio urbanístico da cidade; e a de Carmen Manso, que percorre a historia da batalla de Pavín.

Tamén se inclúen as achegas de Alonso Pita da Veiga: 'El último Roade de Vicetto', poñendo en valor a forza do traballo dos galegos; a de Manuel Carriedo Tejedo, sobre os bispos da Gallaecia, o inicio da reforma e o Concilio de Santiago no século XI; a de Manuel Recuero Astray, sobre o poder real e o desenvolvemento eclesiástico en Galicia durante a Alta Idade Media; a de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, sobre os condes de Trastámara; a de Francisco Singul, sobre a exaltación da festa da Santa Cruz nos xubileus e peregrinacións en Oviedo e Compostela; a de Zaragoza Pascual, sobre a toma de posesión do mosteiro de Celanova; a de Pereiro Ameneiros, sobre as maneiras de falar ou nomear en Ferrolterra; e a de Agra Bernadal, sobre a orixe toponímica de Sanxenxo e O Grove.

Nestes tempos nos que prevalece a fútil opinión aleatoria sobre a nosa identidade cultural, política, social…, aprender, lembrar e difundir os procesos históricos que nos din quen somos parece resultar imprescindible.

Crear unha verdadeira opinión crítica e veraz require a recreación histórica que se ofrece desde as edicións de Estudios Mindonienses, que son xa un parvus thesaurus entre a actualidade editorial.

Desde estas liñas, a felicitación expresa por este logro e polo impulso angular do seu director, Benito Méndez Fernández, cuxo eficaz empeño contribúe enormemente a facer posible este milagre.

0.14424896240234