Opinión: Elexía para Brahms

AMariñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
Actualizada el 16 noviembre 2025, 05:55 horas
8 Nov 2025

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

A Real Filharmonía de Galicia rendeu homenaxe os días 6 e 7 ao compositor alemán Johannes Brahms, o “máis clásico entre os románticos” —influído por Haydn, Mozart e Beethoven—, cuxo academicismo transcende cara á universalidade a través do seu Wiegenlied, a coñecida “canción de berce”, á que se suma un legado musical que inclúe obras tan influentes como as súas catro sinfonías, concertos, o Réquiem alemán, as Danzas húngaras e pezas de carácter máis intimista como os intermezzi ou as Catro cancións serias, inspiradas por Clara Schumann.

Dous concertos —un no Auditorio de Galicia e outro no Centro Cultural Afundación de Pontevedra— celebráronse con este fin (non así en Ferrol, aínda que a presenza da Filharmonía está prevista na tempada 25-26 da Filharmónica Ferrolá con catro intervencións nas que será protagonista; non se sabe se tamén na Mariña). Ambos foron dirixidos por unha das novas figuras da dirección orquestral europea e americana, Ruth Reinhardt, que colaborou con orquestras como a Royal Philharmonic Orchestra ou a Orquestra Gulbenkian.

O repertorio entrelazou tradición e vangarda, representadas pola obra Envol, escrita por encargo de Núria Giménez-Comas, participante no proxecto Cometas impulsado pola propia orquestra; polo estreo en España de Idylium, do alemán Detlev Glanert, inspirada na atmosfera da Segunda Sinfonía de Brahms, evocando o seu carácter máis alegre e melódico; e pola Elegía para Brahms, de C. Hubert Parry, escrita como tributo ao compositor por este colega británico que tanto o admiraba. O programa concluíu coa Serenata n.º 2, op.16, do propio Brahms, unha das súas partituras máis luminosas e singulares pola súa orquestración pouco habitual: cadenciosa, cálida e de final feliz, como felices son os aplausos que recibe a Real Filharmonía polas súas interpretacións coidadas e esixentes, sen perder nunca a sensibilidade imprescindible que require sempre… a arte.

 

⚙ Configurar cookies
0.068265914916992