Opinión: Dúas mulleres e un destino: Isabel & Julia

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
16 May 2026

Por Julia Mª Dopico Vale y Piñeiro

O 29 de decembro de 1969 estreábase en España o western “Dous homes e un destino”, no que o xefe dunha banda de pistoleiros, Butch Cassidy, e o seu inseparable compañeiro, Sundance Kid, chegan fuxindo da lei ata Arxentina e Bolivia, forxando a súa propia lenda.

“Dúas mulleres e un destino” ‒este artigo de hoxe‒ non vai de pistoleiras nin de foraxidas, senón de dúas compañeiras músicas que constrúen unha historia que semella unilas como por designio das Parcas: Cloto e Láquesis, deixando, e espero que por bastante tempo, a Átropos tranquila, aínda que chegará, e mellor sen présa.

Unha desas mulleres chámase Isabel Pérez Dobarro; a outra, son eu mesma. A unha, intérprete ao piano; a outra, compositora de notas, ideas e letras, e ambas entrelazadas como nun fío de fiandeira que nunha roca vai tecendo, seguindo cada unha o transcorrer da súa propia vida e que, como afluentes de non sei que río, van dar tampouco sei a que mar: “variacións sobre o mesmo tema”.

“A lúa no mar reloce/ no outeiro xeme o vento/ e ergue en brando movemento/ ondas de prata e azul; / e vai o capitán pirata/ cantando alegre na popa, / Asia a un lado, ao outro Europa, e alá fronte a el Istambul…”. E é que, ao final, por crible ou incrible que pareza, penso que o espírito da “Canción do pirata”, o himno á liberdade que poeticamente describe Espronceda encamiñado aquí ao ámbito da Música, é o que fai que a bela Isabel, que alberga na súa mirada o misterio de Isis mais tamén a promesa da hebrea Elisheva, nos leve a permanecer unidas con maior ou menor intensidade ao longo dos anos.

Isabel foi a pianista viaxeira que levou a miña música por todo o mundo: Estados Unidos, a vella Europa… e aínda que despois a sucederon outros e outras, eu a ela sempre, agradecida.

E agora Isabel Pérez Dobarro regresa con aquelas afastadas e aínda próximas resonancias para tocar o piano no Teatro Colón da Brigantium, a cidade da Coruña, tras gañar o Latin Grammy 2025 ao Mellor Álbum de Música Clásica polo seu traballo Kaleidoscope (Naxos-Grand Piano), o seu primeiro disco en solitario que xorde, aventuro eu, tras observar‒escoitar‒ as belas imaxes‒sons‒ que, como nun caleidoscopio, suxiren a súa atención para gravar o álbum.

Esta vez, e fiando naquela mesma roca, no concerto do 17 de maio ás 20.30 horas no Teatro Colón, inaugurando o ciclo Eidos, Isabel interpretará a música de dous compositores que tamén configuran este designio das Parcas: Juan Durán, presente desde aquela primeira entrevista no Monte de San Pedro, invadido pola néboa aquel día, na que afirmaba: “o compositor crea para ser amado”, e Octavio Vázquez, sobre o que tamén escribín e que di que el compón respondendo a unha necesidade interior que o conduce a iso.

Aí están eles tamén, como estas “Dúas mulleres e un destino” que titula o artigo de hoxe e que quizais debería encabezarse como “Tres triunfadores e unha relatora”. En fin, sexa como sexa este título, o concerto será bo, sen dúbida.

0.13716197013855