Opinión: A rosa en Santa Emilia

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
17 Aug 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Moi preto do corazón do centro histórico de Mondoñedo, cidade que foi capital do antigo Reino de Galicia, sede episcopal e lugar de nacemento de ilustres como Álvaro Cunqueiro, quen a definía como a cidade da melancolía e do silencio, berce da fantasía, “rica en pan, en augas e en latín”, coa súa antiga catedral, Carolus Rex —“Rei das tartas”, esmigalladas en almibre e améndoas— ou as misteriosas Covas do Rei Cintolo, coas súas labirínticas galerías subterráneas, estalactitas e ríos interiores...

Alí, exactamente, atópase o Palacete de Santa Emilia, edificio indiano de comezos do século XX e actual centro cultural no que a música é visiblemente protagonista polo menos unha vez ao mes, cando se abren as súas portas para que o público goce da arte de Euterpe na súa versión máis académica.

Juan Rezzutto, pianista e compositor arxentino “a cabalo entre Mondoñedo e Londres”, cordial e amable como o ambiente que se respira na casa que mandou construír Manuel López Rivas tras obter unha fortuna cos seus negocios téxtiles en Bos Aires, fai posible que un heteroxéneo grupo ben avenido nos reunamos nos eventos nesta terra, que é tamén terra de músicos e á que eu acudo desde hai anos seguindo a ruta do Norte que me acompaña desde sempre.

Nesta ocasión, o pianista Nicolás Ravelli e a cantante lírica Carolina Bardas protagonizaron o concerto Eclipse; El romance del Sol y la Luna, no que unha vez máis se interpretou o lied-habanera da miña autoría La Rosa, con texto extraído dos Versos Sencillos do Heroe Nacional de Cuba e tamén poeta José Martí, e música propia.

A peza foi presentada por primeira vez en 2020 no Palacio de Monserrate de Sintra, en Portugal, con Melissa Fontorura e Nadia Fidalgo como intérpretes, no marco da 18ª edición de Cultura Portugal.

O propio Juan transmíteme o éxito do concerto —ao que non puiden asistir— e a boa acollida da miña música nesta terra de augas, fontes e montañas, algo que realmente celebro, expresando unha vez máis os meus parabéns aos artistas, a Santa Emilia e ao público, así como o meu agradecemento persoal pola elección da “rosa branca” para “re-soar” neste fermoso e carismático enclave.

Ata pronto!

0.15070915222168