Opinión: 500 mulleres na arte

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
“Neste universo, a obra é a única probabilidade de manter a propia conciencia e de fixar nela as aventuras. Crear é vivir dúas veces.” — A. Camus
Con motivo da celebración do XX aniversario da Rede Museística Provincial de Lugo presentarase o 12 de setembro ata o 31 de outubro o proxecto "500 MULLERES NA ARTE", que xorde por iniciativa de Concha Mayordomo Palomar (Madrid). Os distintos eventos terán lugar no Museo Provincial do Mar, Pazo de Tor, Pazo de San Paio e a Sala de Exposicións da Deputación de Lugo ‒ entre outros‒ que será en onde comece o 2 de setembro a mostra que con carácter divulgativo e didáctico que expón o compromiso institucional a favor do equilibrio en relación a cuestións de xénero e reivindicando figuras femininas históricas e contemporáneas de mulleres que contribuíron e contribúen ao desenvolvemento da arte e que a causa do seu sexo son silenciadas no pasado e no presente‒non nos enganemos‒ e non só a causa dos homes; tamén por outras mulleres nun complexo e sutil mundo de circunstancias que nin é elegante nin corresponde mencionar. Mais a verdade é a verdade. Diga Agamenón ou dígaa o porquero: Veritas Vincit.
Concha é unha veterana. Licenciada en Belas Artes pola Complutense, presidenta da Asociación de Mujeres Artistas Blanco, Negro y Magenta, esa magnífica cor vermella púrpura vibrante e sanguínea; colaboradora en El País, o Huff Post, La Hora Digital… Premio á Labor Cultural Alcobendas, Premio Participando Creamos Espacio de Igualdad (2007), Premio na Modalidade Arte e Cultura da XII Edición de Participando Creamos Espacio de Igualdad, etc.
Ben. No ámbito da música isto resoa con ecos de campanarios sonoros na miña memoria de compositora que traballa pouco e pensa demasiado: Estrea musical en Denver, USA. Estrea en Madame l´Afrique, Alxer. Organización e realización de Mulleres mirando ás Mulleres, baixo o patrocinio de Anxo Lorenzo; encargo e estrea de "El último adiós" no Pazo da Cultura de Pontevedra e agora Mujeres rumbo a… pois a unha antiga carrilana que vai cantando en romaní Gelem, gelem manexando o temón, o volante do que sabe, como sabía Verdi que "tutto nel mondo è burla".
O pano abriu hai tempo e… Va, pensiero, sull´ali dorate mentres como as Lexións Negras póñome a camisa‒negra‒ para camiñar un momento "sendo romeu, só romeu. Pasar por toda unha vez, unha vez só e lixeiro. Sempre lixeiro". ‒une femme aux oeillets‒.