Ollomao propón unha xornada polo Courel para coñecer a súa paisaxe, cultura e patrimonio

O Courel será o destino da nova proposta do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros, que organiza para o 23 de outubro unha excursión gratuíta coa que achegar aos participantes á paisaxe, á historia e ao patrimonio da provincia de Lugo.
A iniciativa forma parte do programa Coñece a túa Provincia, impulsado pola Deputación de Lugo, e plantexa unha xornada na que as visitas culturais se combinarán coa convivencia e a oportunidade de descubrir algúns dos lugares máis singulares do territorio.
A saída terá como primeira parada a Granxa Gayoso Castro. Desde alí, os participantes continuarán rumbo ao Courel para visitar a Fundación Uxío Novoneyra, un espazo ligado á figura e ao legado dun dos grandes poetas galegos e profundamente vinculado a estas terras.
O percorrido levará tamén ao grupo ata Seceda, unha das aldeas máis características da zona, antes de completar a programación coa visita á igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio.
A excursión será totalmente gratuíta, xa que tanto o transporte de ida e volta como o xantar están incluídos na actividade. A saída está prevista ás 8.40 horas desde o Restaurante Asador.
As persoas interesadas poderán reservar a súa praza a través de WhatsApp no teléfono 678 546 526. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de outubro ás 20.00 horas, aínda que as prazas son limitadas e terán preferencia as persoas socias do colectivo.
Ollomao convida así a compartir unha xornada diferente, pensada para coñecer novos lugares, achegarse ao patrimonio cultural e natural lucense e gozar do camiño en compañía.