Olalla Rodil reivindica que o BNG pode conseguir un deputado por Lugo no Congreso o 29N

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A cabeza de lista nacionalista por Lugo comprométese a levar a Madrid as demandas da provincia e sinala a autovía A-54 como unha das infraestruturas pendentes
olalla-rodil-parlamento-galicia
27 Oct 2026

Olalla Rodil, cabeza de lista do BNG por Lugo, asegurou que a provincia pode conseguir un deputado nacionalista no Congreso e defendeu que «o 29N o voto útil é o BNG». A candidata destacou a oportunidade de reforzar a representación galega propia nas Cortes e comprometeuse a trasladar a Madrid as necesidades e reivindicacións das lucenses e dos lucenses.

Na súa intervención, Rodil fixo referencia á A-54, unha vía de titularidade estatal que debería unir Lugo con Santiago de Compostela, como exemplo das cuestións que afectan á provincia e que precisan atención por parte do Estado.

A candidata subliñou que o BNG «ten a oportunidade de ter un deputado no Congreso por Lugo» e afirmou que a formación afronta este reto «con ilusión e con ganas para levar a voz das e dos lucenses ao Congreso». Tamén destacou que a candidatura nacionalista pola provincia conta con «enerxía, experiencia e determinación» para «ir a por todas para que Galiza conte cunha forte representación propia no Congreso».

Neste sentido, Rodil avanzou que o BNG continuará traballando para trasladar ao ámbito estatal as problemáticas da provincia de Lugo. A cabeza de lista reivindicou o papel da formación nacionalista nos avances acadados nos últimos anos, tanto a través do acordo de investidura como mediante a presentación en Madrid de centos de iniciativas cunha axenda galega propia.

A candidata defendeu así a necesidade de contar cunha voz propia no Congreso que permita situar as demandas de Lugo e de Galicia no centro da acción política estatal.

0.7093460559845