Oito grupos participarán no VIII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, que comeza esta fin de semana

AMariñaXa
As representacións desenvolveranse no Multiusos Ponte de Cuñas ata o 28 de novembro, mentres que a gala de entrega de premios celebrarase o 19 de decembro
LOURENZÁ teatro
28 Oct 2026

O VIII Certame de Teatro Concello de Lourenzá comeza esta fin de semana cunha programación que reunirá oito grupos de diferentes puntos de Galicia. As representacións terán lugar no Multiusos Ponte de Cuñas e prolongaranse ata o 28 de novembro, con dúas funcións cada fin de semana, agás na última, na que só está prevista unha obra.

A primeira cita será este sábado, 31 de outubro, ás 20.30 horas, coa representación de Desequilibrados, a cargo do grupo Trípode, de Alfoz. O domingo 1 de novembro, ás 20.00 horas, será a quenda de Pico do Castro, de Foz, que levará ao escenario Trato a cegas.

A programación continuará a seguinte fin de semana. O sábado 7 de novembro, ás 20.00 horas, The-Sastre, de Barbadás, representará e-MÉRITO. Ao día seguinte, á mesma hora, o grupo da asociación Melandraina, de Arteixo, porá en escena Asemblea de mulleres.

O sábado 14 de novembro, Avelaíña Teatro, de Pontevedra, ofrecerá Pantasmas ás 20.00 horas. O domingo 15, tamén ás 20.00 horas, O Bicho da Barra, de Ortigueira, representará Unha obra para un pobo.

A penúltima función será o domingo 22 de novembro, ás 20.00 horas, coa obra A farsa de Inés Pereira, a cargo do grupo da Asociación Cultural Muíño do Vento, de Ferrol. O certame pechará a súa programación de representacións o sábado 28 de novembro, coa actuación de Touporroutou, de Foz, que presentará Aquí non paga nin dios??? ás 20.00 horas.

Gala de entrega de premios en decembro

A clausura do certame terá lugar o sábado 19 de decembro, ás 20.00 horas, coa gala de entrega de premios. O acto incluirá a representación de A vida é un soño (ou case), da compañía Señor López Producións.

Con esta oitava edición, Lourenzá volverá reunir no seu escenario propostas teatrais de compañías afeccionadas e grupos procedentes de distintos municipios galegos.

0.16830897331238