Oito asociacións viaxan esta semana co programa Coñece a túa provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Oito colectivos da provincia de Lugo participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación para percorrer e descubrir diferentes recursos turísticos do territorio lucense.
asociacion barreiras conece a tua provincia
19 Sep 2023

Oito colectivos da provincia de Lugo participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación para percorrer e descubrir diferentes recursos turísticos do territorio lucense. Unha iniciativa grazas á que se achegan entre hoxe e o venres 160 persoas ata Barreiros, Ribadeo, Samos, Sarria, Cervantes, Navia de Suarna e O Saviñao, segundo a ruta que cadaquén escollera.

Os primeiros en facer a visita este martes son os integrantes da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, de Lugo, que arrancan percorrido na Granxa Gayoso Castro, e, posteriormente, achegaranse aos concellos de Barreiros e Ribadeo, onde pasearán a pé polo paseo marítimo barreirense, visitarán a praia das Catedrais e o núcleo de Rinlo, e rematarán viaxe no casco histórico ribadense. Tamén hoxe os membros da asociación de veciños San Pastor, de Barreiros, coñecen o traballo da produtora do Servizo Audiovisuais da Deputación e logo desprazaranse ata Cervantes e Navia de Suarna, onde se deterán na aldea de Piornedo, na Pobra e nunha fábrica de embutidos.

Mañá mércores será a quenda da asociación veciñal de Rivas Pequenas, de Bóveda, que visitará a Granxa Gayoso Castro para coñecer o traballo que se realiza nestas instalacións provinciais, e posteriormente porá rumbo a Barreiros e Ribadeo. Tamén viaxará este día a Xunta Parroquial de Fazouro, de Foz, que emprenderá o seu itinerario dende o Pazo de San Marcos e continuará ata Sober e Monforte. Alí, este colectivo visitará unha igrexa románica e un miradoiro, ademais de facer un percorrido en catamarán polo Canón do Sil.

O xoves participará outro grupo de Foz, a asociación Afammer, que fará a primeira parada no Pazo de San Marcos e despois irá ata Samos e Sarria, con visita ao mosteiro, á capela do Ciprés e ao casco histórico sarriano.

A asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras As Encaixeiras, de Burela, e a asociación cultural Lóngaras, de Castro de Rei, son as que desfrutarán desta iniciativa o venres. As primeiras partirán do Pazo do San Marcos para, a continuación, dirixirse ata O Saviñao, onde descubrirán o Ecomuseo de Arxeriz, o miradoiro do Cabo do Mundo e farán un percorrido en catamarán polo Miño dende Belesar pobo. O segundo grupo, os de Castro de Rei, poderán coñecer o traballo da produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación e recalar nos municipios de Navia de Suarna e Cervantes.

O programa Coñece a túa provincia inclúe de balde o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

0.17370200157166