O XXV Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia producirá cortes de tráfico en Burela
O XXV Maratón Autonómico Urbano Special Olympics Galicia, que se celebrará o 6 de maio en Burela, obrigará a cortar o tráfico en varias rúas. De 8 a 15 horas non se poderá circular por Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Lamestra e Eijo Garay e tamén haberá cortes puntuais noutras rúas polas que discorran as probas de 1.500 e 3.000 metros.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo: “queremos reforzar, se cabe aínda máis, a seguridade con motivo da celebración deste maratón, que nos obrigará a facer unha serie de cortes de tráfico. Haberá 4 probas: de 300 metros, de 800, de 1.500 e de 3.000 metros. Nas que máis afectado se vai ver o tráfico será nas probas de 300 e 800 metros, que son nas que participará a xente con maior discapacidade. Entón vamos facer cortes de tráfico nas rúas Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Lamestra e Eijo Garay, viarios onde non se permitirá o estacionamento de vehículos desde as oito da mañá ata as tres da tarde do sábado. O venres xa empezaremos a intentar liberar os coches que estean aparcados nesas catro rúas. Na Eijo Garay será no tramo afectado pola carreira, o que está diante da Casa do Concello, que é desde onde van saír todas as probas. Mentres se estean desenvolvendo as carreiras, que será entre as once da mañá e as tres da tarde do sábado día 6 tampouco se poderá circular por esas rúas”.
O edil burelés contou que “para as dúas probas máis longas, que son as de 1.500 e 3.000 metros, non se van facer cortes de tráfico máis aló destas catro rúas que dixen anteriormente porque os corredores van ir escoltados dalgún xeito por Protección Civil e pola Policía Local e faranse cortes a medida que vaian pasando os participantes, co cal van ser moi breves, simplemente para garantir a seguridade deses corredores”.
Fernández Rey subliñou que “para nós é un tremendo orgullo que Special Olympics Galicia escollera Burela para organizar esta proba. Xa hai tempo que tiñan ganas de facela aquí e desde o Concello, coma sempre, brindámonos a colaborar en todas estas iniciativas, que ademais de carácter deportivo tamén o teñen social e de integración. Co cal son probas que tanto a min, como concelleiro de Deportes, como a Carmela López, como edil de Servizos Sociais, e ao alcalde, Alfredo Llano, nos gustan moitísimo porque apostamos pola integración desta xente, que tamén ten dereito a practicar estes deportes”.
O concelleiro de Deportes engadiu: “seguimos traballando para que Burela sexa un referente de carácter deportivo: hai pouco tivemos unha competición de enduro, agora temos esta proba de maratón para xente con discapacidade e supoño que en breve vamos ter máis carreiras. Estas probas implican unha mínima molestia para a xente porque hai que facer cortes de tráfico para garantir a seguridade dos corredores”.