O Xove e o UD Folgueiro loitarán polo Torneo Concello de Xove de fútbol

AMariñaXa
A vila celebra unha nova convocatoria do Torneo Concello de Xove de fútbol, que terá lugar este sábado 30 de agosto
Presentacion-Torneo-Concello-de-Xove
29 Ago 2024

Os afeccionados do fútbol teñen unha cita de novo no municipio de Xove. A vila celebra unha nova convocatoria do Torneo Concello de Xove de fútbol, que terá lugar este sábado 30 de agosto ás 18.15 no campo municipal. Na competición, que xa é unha cita habitual no calendario do municipio, participarán o Xove-Lago e o UD Folgueiro.

Ademais o 1 de setembro programan un partido de pretempada entre o Viveiro e o Somozas dende as 19.00 horas con entrada de balde para os socios. Na presentación do torneo estiveron presentes Demetrio Salgueiro, alcalde do Concello de Xove, Cristina Iglesias, concelleira de Deportes e Antonio Meitín, presidente da Unión Deportiva Xove-Lago. O torneo forma parte do programa para as patronais do municipio.

Durante a xornada do sábado, os asistentes desfrutarán de pasacalles coa Banda Naval de Viveiro e os Cabezudos da Asociación Cultural Saíñas. A partir das 13.00 horas terá lugar a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e procesión coa Banda Naval de Viveiro. Tamén haberá sesión vermú coa orquestra Pontevedra e, xa ás 20.00 horas, no Pavillón de Deportes, actuarán a Asociación Cultural Saíñas e AC Os Trazantes de Tenorio. Pola noite, ademais dos fogos artificios, na verbena estarán as orquestras Pontevedra e Charlestón e a disco móbil Conxuro para rematar a festa.

0.15874695777893