O XI Ribadeo Indiano converterá a vila nun gran escenario musical entre o 10 e o 12 de xullo

GaliciaXa | AMariñaXa
Concertos, habaneiras, mariachis e ritmos cubanos acompañarán tres días de celebración arredor da tradición galega e a herdanza de ultramar
Coral-Ribadeo-Indiano
26 Jun 2026

Ribadeo volverá trasladarse ao pasado coa celebración da undécima edición do Ribadeo Indiano, unha cita que do 10 ao 12 de xullo transformará as rúas da vila nun espazo onde a tradición galega e a herdanza da emigración de ultramar volverán atoparse. A programación musical será un dos eixos centrais do evento, recreando a atmosfera das antigas sociedades da emigración galega en países como Cuba, Arxentina ou México.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que a festa arrancará oficialmente o 10 de xullo co tradicional desembarco teatralizado no peirao de Porcillán, precedido pola actuación do Coro Sagrado Corazón, que volverá simbolizar a unión entre as dúas beiras do Atlántico. A xornada continuará coa actuación de formacións como Gallaecia Small Band e rematará cunha verbena protagonizada polo Septeto To’mezclao.

O día 11 de xullo concentrará boa parte da actividade da programación. A chegada dos tradicionais coches clásicos “Haigas” estará acompañada pola música dos mariachis Real de Jalisco. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu concerto de gala en San Roque, mentres que distintas agrupacións musicais levarán os sons de ultramar aos distintos espazos da vila.

A programación do sábado incluirá tamén unha nova edición do Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo, coa participación da Coral Polifónica de Ribadeo, a Coral Polifónica San Roque de Vigo e a Coral IES María Guerrero, de Collado-Villalba. A noite pecharase cunha verbena que combinará a música tradicional galega con ritmos latinos da man de Mediarea e El Mura y su timbre latino.

A despedida do Ribadeo Indiano terá lugar o 12 de xullo cunha xornada que incluirá unha alborada co grupo Follas Novas, unha sesión vermú coa Banda Filharmónica de Lugo, Trío Mojito Cubano e Los Jimaguas, ademais do concerto de clausura a cargo de Estrellas de Buena Vista y Más, unha das actuacións máis agardadas desta edición.

O Ribadeo Indiano está organizado polo Concello de Ribadeo e Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.12097001075745