O X Festival Aturuxo de Ourol contará con billarda e xogos tradicionais

AMariñaXa
A Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos informou que xa hai confirmacións para a edición número X do Festival Aturuxo
festival aturuxo Ourol cartel 2022 final 1
festival aturuxo Ourol cartel 2022 final 1
17 jul 2022

A Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos informou de que para esta X edición do festival ourolés, que será o 29 e 30 de xullo, contarán con xogos tradicionais.

Na xornada do venres 29 poderase desfrutar dunha cea popular que contará cunha foliada ao remate cos grupos No Cómbaro e Festicultores, que amosarán o seu show alegre e fresco con moito humor e cheo de positividade. 

Xa o sábado 30, o día forte do festival, haberá xogos tradicionais, un obradoiro de baile e un aberto de billarda. Para elo axudaranse de Xotramu, Xogos Tradicionais Muimenta, que son un referente na comarca da Chaira ao que xogos populares e tradicionais se refire. Ademais os ACD O Varal colaborarán na organización do aberto de billarda.

Pola mañá Peter Punk achegará o seu carácter cómico coa palabra e, por suposto, con todos os aparellos que vai sacando da súa maleta. Un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares, no cal a complicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público.

Durante a sesión vermú será a quenda de Pulpiño Viascón, un polifacético artista que forma parte dos Diplomáticos de Monte Alto. Despois do seu éxito en grupos previos, trae agora unha animacións de rúa itinerantes para todos os públicos. Ademais conta cun serrucho máxico e un adorable paxaro títere estarán presentes nun show inesquecible para quen o presencie.

É pola noite os asistentes desfrutarán da Banda da Loba, un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo no que mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular.

Despois do espectáculo de Pesdelán, que mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.

Machina levará a súa música hardcore e metal dende Cerceda a Ourol e Rebeliom do Inframundo pechará a noite co seu rap en galego con orixe en Ponteareas.